A formación de Vilatuxe, segundo premio no Certame Galego de Bandas

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Jesús Jácome Gamallo

Ao galardón súmase o recoñecemento ao seu director

05 nov 2019 . Actualizado a las 13:32 h.

O Auditorio de Galicia vibrou durante dous días coa celebración do décimo terceiro Certame Galego de Bandas de Música Populares, reunindo a 1.300 músicos de 21 formacións das que 16 eran galegas, 4 portugueses e unha de Castela e León.

Un certame pensado para promocionar e difundir o patrimonio cultural da comunidade, cuxa organización depende da Federación Galega de Bandas de Músicas Populares en colaboración coa Xunta de Galicia, e no que só competiu unha formación da zona: a Banda de Música de Vilatuxe (Lalín). Unha formación que participou na sección Primeira xunto a Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves (Portugal), a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Sons e Soños e a Banda de Música de Rianxo acadando o segundo premio dentro da Sección Primeira na que competía, e despois de interpreter unha complexa obra de Stephen Melillo e dúas pezas do compositor estradense Simón Couceiro: Aniversario e A Rapa das Bestas, esta última a obra de libre escollida da formación lalinense. O xurado composto polos mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón deu a coñecer tamén o nome do mellor director do certame, recaendo o galardón en Víctor Vilariño, director da Banda de Vilatuxe e profesor do Conservatorio de A Estrada. Dous premios de gran calado para a formación lalinense que chegan nun ano en que están a celebrar o 75 aniversario da banda e que encheron de actividade musical Vilatuxe ao longo dos últimos meses, e que se disfrutaron tanto no Auditorio de Galicia ao que se desprazaron pais e nais de alumnos, seguidores da banda ademais do conselleiro de Cultura e Turismo Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, o director do Agadic Jacobo Sutil, a directora xeral de Xuventude Cristina Pichel e a concelleira de Cultura de Lalín Begoña Blanco, entre outros. A celebración seguiu posteriormente na parroquia onde músicos, familiares e amigos disfrutaron duns petiscos na Parrillada La Robleda. Por outra banda o evento tamén acadou unha importante visualización a través da rede, xa que foi retransmitido en directo a través da canle de youtube da Federación Galega de Bandas de Música Populares.