David A.Álvarez, tradutor estradense: «Reflectir ao galego os xogos de palabras que fai Pippi foi o desafío máis grande deste traballo»

Alfredo López Penide
lópez penide PONTEVEDRA / LA VOZ

DEZA

cedida

Kalandraka culmina a publicación da trioloxía de Astrid Lindgren con «Pippi Mediaslongas e os mares do sur

01 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa saída ao mercado nuns días de Pippi Mediaslongas nos mares do sur, a editorial pontevedresa Kalandraka culmina a publicación da triloxía do icónico personaxe creado por Astrid Lindgren. David A. Álvarez foi o responsable de traducir, por primeira vez, ao galego os tres libros da autora sueca. Unhas das particularidades desta edición é que recupera as ilustracións orixinais de Ingrid Vang Nyman, que tiveron que ser restauradas: «É verdade que hai edicións por aí fora, en alemán, en inglés ou algunha en español, que tiveron os seus propios ilustradores. Non se lles pode quitar o mérito, pero estas ilustracións son moi icónicas. Son dos anos 40 e Pippi ten xa unha imaxe acuñada dende entón. En Suecia é como a marca internacional. Creo que o texto vai parello coas ilustracións».

-¿Que sinte agora que xa culminou a tradución da triloxía?

-Alegría. É un sono cumprido, pero, dalgunha maneira, tamén alivio. Foi un proceso moi bonito poder facer os tres libros, que era o que pretendía. A edición respondeu ben e púidose completar o círculo, que non se quedase so nun volume.

-Teño entendido que foi vostede quen propuxo a Kalandraka a posibilidade de traducir as aventuras de Pippi Mediaslongas.

-Si. Era un sono de hai xa bastantes anos, de cando me estaba formando na lingua sueca, antes de vivir en Suecia. Era unha idea que tiña aí e cando me vin con forzas e coa capacidade para facelo, e despois dunha estancia en Suecia un pouco máis longa propúxeno a un par de editoriais e dende Kalandraka responderon. Non sei si eles xa o estaban vendo o si foi casual, pero si que lles mandei unha proposta.

-¿E que foi o máis complicado deste traballo?

-O máis complicado sempre son as transposicións culturais. Como estás traducindo para nenos, hai elementos que hai que axustar ao galego. Si traduces unha palabra, unha comida ou unha manifestación cultural normalmente pérdese a asociación cultural que os nenos suecos si terían. O que complicou un pouco foi o continuo xogo de palabras que fai Pippi na súa lingua e como xoga cos sentidos das palabras, e como lle da voltas. Ademais, interpreta literalmente cousas que son xogos de palabras ou que teñen segundos sentidos. Reflectir iso foi o desafío máis grande.

-¿E como se traducen as palabras que inventa Pippi?

-Si as inventa non é tan difícil, en realidade, porque inventas ti outras. O que pasa é que, ás veces, as palabras coas que xoga si que teñen referencias a termos que si existen ou xoga coas letras para que soe dunha maneira divertida repetindo sons. Noutras ocasións, simplemente cambia como cando di «lumitificación» en lugar de «multiplicación». Non é tan complicado. Simplemente é buscar. É máis complicado cando unha palabra ten dous sentidos e na tradución non os ten. Ás veces, hai que facer un xiro ou buscar unha referencia na cultura propia.

-Pero, ¿como xurdiu a idea de traducir Pippi ao galego?

-Xurdiu polo interese na cultura sueca, na súa literatura. A primeira obra que lin en sueco de Astrid Lindgren foi Os irmáns Corazón de León, mentres que a Pippi a coñecía pola serie de televisión. Nunca a lera ata que o fixen de adulto. Foi xurdindo naquela época na que estaba estudando sueco en Madrid hai case dezaseis anos ou así. Foi o xerme.