Balines envelenados para acabar cos niños de vespas velutinas en altura

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

miguel souto

O novo método para rematar con elas, explicado polo abelleiro lalinense Jorge Peña: «cunha escopeta de balines, na que introduces un algodón enchoupado en Ditrom, en canto dispares unha docena de balines, morren»

24 oct 2019 . Actualizado a las 20:17 h.

Acabar cos niños en altura das vespas velutinas non é tarefa doada. O uso das pértegas segue sendo un dos métodos máis socorridos, malia que o abelleiro lalinense e experto en velutinas Jorge Peña aposta por un novidoso sistema de envelenamento do niño con escopeta de balines.

Explica que «existen moitas dificultades para chegar aos niños cando están a vinte ou trinta metros de altura e cunha escopeta de balines, na que introduces un algodón enchoupado en Ditrom, en canto dispares unha docena de balines morre».

Peña apunta que realizou xunto ao compañeiro, e tamén experto na materia Juan Liñares, varias probas con niños en altura que acabaron exterminados ás poucas horas. Si é preciso tomar precaucións no momento de lanzar o veleno; «poden caer do niño algunhas velutinas e poden picar polo que hai que ser precavidos, marcharse de debaixo dos niños e despois disparar a escopeta de xeito lateral».

Un método plenamente eficaz e extremadamente barato, afirma Peña. O experto abelleiro está tamén experimentando, e con resultados axeitados, outro método «que é máis complicado e que consiste en pillar as velutinas, cortarlles as patas de atrás e poñerlles veleno polo lombo polo que unha vez no niño provocará a morte de todos os véspidos; esto xa é para veteranos e expertos».

Unha tempada, a de outono, en que as vespas velutinas están con niños cheos de cría; «polo que atacan máis ás colmeas o estaren moi necesitadas de proteína para alimentalas así é que hai que continuar controlando a súa proliferación».

Por outra banda o experto lalinense recomenda moita precaución á hora de acometer desbroces; Engade que «son máis perigosos os niños do chan que atacan ás persoas, que os das árbores pola súa altura».

E insiste en ollar ben a zona, cando non chova, na procura dalgún niño antes de comezar a desbrozar.