Tamparrantán acada o premio San Martiño á normalización lingüística

Ana Peleteiro gaña o galardón a nivel Galicia e o Museo do Pobo, a Toda unha vida


a estrada / la voz

O padroado dos Premios San Martiño á normalización lingüística acaba de fallar os galardóns correspondentes a este ano, que serán entregados nun acto aberto a todo o público que se celebrará no mes de novembro no Teatro Principal.

Os premios convócanse en tres modalidades. O recoñecemento á difusión da lingua na comarca de Tabeirós-Terra de Montes vai recaer, nesta vixésimo novena edición á Asociación Cultural Tamparrantán. Mentres, no ámbito galego o premio vai para a deportista Ana Peleteiro Brión. Por último, o premio á normalización durante Toda unha vida é para o Museo do Pobo Galego.

A Asociación Cultural Tamparrantán nacía no 1992 na parroquia estradense de Santo André de Vea. De nome sonoro, o colectivo marcouse desde os seus inicios como obxectivos recompilar e difundir a música e o baile tradicional, así como outras manifestacións propias da cultura galega.

A recompilación, investigación e estudo da indumentaria popular converteuse nun dos sinais de identidade da agrupación, o que a levou a ser galardoada en diferentes ocasións, destacando os premios acadados no certame de exaltación do traxe galego que se celebra na cidade de Santiago de Compostela (2011, 2012, 2015 e 2016). Premios a traxes de cotío de home e muller, premios de grupo, traxes antigos de muller e conxuntos de pezas antigas recompiladas.

Ao longo destes anos, foron tamén outros os campos da cultura galega nos que traballaron, e que teñen o seu principal referente no traballo do liño, que historicamente tivo moita importancia no Val de Vea.

A gañadora no ámbito galego, Ana Peleteiro, é unha atleta galega, plusmarquista nacional na modalidade de triple salto, actual campioa de Europa en pista cuberta na súa especialidade e elixida mellor atleta española junior nos anos 2011, 2012 e 2013 pola RFEA. Recibiu o Premio Princesa de Asturias Dona Letizia no ano 2013. Ademáis de todo iso, é tamén é unha recoñecida defensora do acento, a lingua e a cultura galega, facéndoo publicamente en moitos medios de comunicación.

Unha vida de dedicación

O premio a Toda unha vida de defensa da lingua e a cultura galega recae desta vez no Museo do Pobo Galego.

Abriu as súas primeiras salas en xullo de 1976, no antigo convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela. Constituíuse como un organismo ao servizo da comunidade e sempre comprometido coas tradicións e costumes galegos que a miúdo resultaron esquecidas ou relegadas da historia oficial, pero que son precisamente a esencia onde un pobo atopa as pisadas da súa identidade.

No ano 1993 a Xunta de Galicia recoñece ao Museo do Pobo Galego como «Centro sintetizador dos museos e coleccións antropolóxicas de Galicia».

Tamén no ano 2008 foille outorgado o Premio Nacional de Cultura Tradicional e de base, un dos Premios Nacionais da Cultura Galega.

Os membros do padroado dos premios San Martiño son Juan Constenla Carbón, Henrique Vázquez, Lourdes Dono, Iván Sanmartín, Carlos Andújar, Luis Ferro e María Sanmartín Ruzo.

A deportista é unha recoñecida defensora do acento, a lingua e a cultura galega

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Tamparrantán acada o premio San Martiño á normalización lingüística