«Adestro sete días á semana e 20 horas en total, despois de traballar»

bieito baliño / o. p. LALÍN / LA VOZ

DEZA

CEDIDA

Javi Busto afronta a súa penúltima proba da tempada, o Campionato de España coa selección galega

22 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Javi Busto é unha das estrelas do Extol-La Gramola Team, un club de ciclismo da Comarca do Deza de BTT, ou o que é o mesmo, Bicicleta Todo Terreo, que en inglés coñécese como Mountain Bike. Busto é, ao igual que o seu clube, un dos referentes deste deporte en Galicia. O vindeiro 8 de setembro acudirá, xunto cos compañeiros do Extol Lara Lois e Nando Guerra, ao Campionato de España que se celebrará en Xaén, representando á selección galega.

-Que espera da proba de Xaén?

-Vai ser moi complicado. Un Campionato de España en categoría elite é unha das citas máis importantes do calendario nacional, e van estar os mellores do Estado. É a proba que todos queremos gañar, complicadísima. Meterse entre os dez primeiros xa sería realizar un gran papel.

-Con tres convocados, queda claro o nivel do Extol-La Gramola.

-Si, está claro. Temos a Lara, que ten moitas opcións de estar en podio e a Nando, que en categoría máster 30 estará desputando ás prazas de arriba. A verdade é que temos un equipo bastante potente. Este ano gañamos case todas as carreiras do calendario galego. Precisamente, non gañamos a da casa, que se celebrou aquí en Lalín. Sempre é complicado gañar aínda que este ano o fixemos moitas veces.

-Como calificaría o seu ano a nivel deportivo, despois dun 2018 no que gañou case todo?

-Máis complicado, porque este ano pasei a categoría elite, entón é máis difícil acadar resultados. Comecei moi ben o ano, gañando seis carreiras que houbo en Galicia, pero despois estiven tres meses con problemas físicos nos que non erguía a cabeza. Agora parece que estou collendo o ritmo de novo e levo tres semanas adestrando moi ben e con sensacións boas.

-Con que competición se queda das de este ano?

- Pois a 4 Stage Race MTB, unha proba internacional que tivo lugar en Lanzarote a comezos de ano. Era a primera competición que facía na máxima categoría e os dous primeiros días estiven algo atascado, pero o terceiro e o cuarto atopeime con boas sensacións entre tanta xente de moitísimo nivel. Ao final, un pinchazo na última estapa privoume de facer un magnífico resultado. Creo que foi a proba con máis nivel na que participei. Non me quedo co resultado pero si coas sensacións que tiven.

-Que relevancia ten o BTT na sociedade actualmente?

- A nivel dos medios non é un deporte moi seguido, pero o ciclismo en España é dos deportes máis practicados, polo que todo o mundo está minimamente relacionado coa bicicleta. Cada vez hai máis afección e máis xente que o practica.

-E como é o deporte a nivel competitivo?

- Hai que adicarlle todo o tempo que poidas, intentar combinalo co traballo e outras obrigas para poder entrenar o máximo posible. É moi importante coidarse, e obrígache a facer moitos sacrificios. Require tempo e dedicación, porque sacando algúns aspectos técnicos en montaña, o resto depende do estado físico. É un deporte que non ten máis segredo que adestrar e adestrar.

-Como está preparando o Campionato de España?

- Estou adestrando 7 días á semana e sobre 20 horas semanais, despois de saír do traballo. Para adicarte a isto tenche que gustar moito porque é moi duro e é algo que fas por gusto.

-A nivel económico é rentable?

- Para nada. Nós facendo décimos nunha proba internacional gañamos 200 euros. O que che dá o deporte a nivel económico non che permite cubrir gastos de averías ou de viaxes.

-Aínda así son habituais os casos de dopaxe ...

- Si, pero eso depende do ego de cada un. Hai algunha xente que vive desto, pero hai moitos máis tramposos que se dopan que profesionais que viven do BTT.