«O noso plus é a xente da casa que sinte as cores do Lalín»

Pablo Cacheda inicia a súa primeira tempada completa co Lalinense, ca ilusión de estar o máis arriba posible

o. p.
lalín / la voz

Pablo Cacheda (Lalín, 1992) é un dos nomes propios do balonmán en Lalín dos últimos anos. Octavio, Valladolid e Naturhouse La Rioja foron os equipos de elite que desfrutaron do xogo do central lalinense, ata que unha grave lesión de xeonllo forzou a súa retirada. Este ano, afronta a súa primeira tempada completa como técnico do Lalinense co obxectivo de entrar en fase de ascenso.

-Como serán estas primeiras semanas?

-Serán de adaptación, xa que temos o primeiro partido o luns 19 ante o OAR. A partir de aí, comezará a carga física. Os partidos de pretempada tomarémolos como amigables, aínda que sexan de Copa Galicia e tratarémolos como preparación para a Liga.

-Como compiten con equipos que adestran case de forma profesional?

-Ese é o hándicap máis importante que temos, o que nos fai estar un paso por debaixo nestes últimos anos. Equipos como Lavadores ou Lanzarote poden fichar a xente de categoría superior, xogadores que adestran despois de descansar todo o día ou que poden estar todo o día pensando en balonmán. Nós podemos competir con estes equipos, porque menos Rubas, todos os xogadores son de Lalín e teñen un sentimento moi grande polo clube.

-Quen estará no corpo técnico?

-Non está pechado de todo, teño unha conversa pendente con Paco Aguiar para que me axude. Durante a semana, Román botará unha man na preparación física.

-Mellor equipo que o ano pasado?

-Creo que as dúas plantillas son moi completas. Á xente que non puido seguir, tentamos suplila da mellor maneira. As fichaxes teñen experiencia e van sumar.

-Preocupa a fuga de talentos?

-Eu creo que é algo ilusionante, e debe ser un orgullo que equipos grandes se interesen por xogadores da nosa canteira. Iso quere dicir que traballamos ben. A día de hoxe non podemos competir con equipos de elite, nin a nivel económico nin deportivo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O noso plus é a xente da casa que sinte as cores do Lalín»