Un sentimento


Moitas aldeas hai por Galicia, pero a miña é moi particular. Trátase dun lugar con apenas 40 veciños entre ríos e outeiros, carballeiras centenarias e diminutos prados, onde hai numerosos camiños de pedra e numerosos muíños. Un pobo unido cheo de tradicións e costumes. Son un neno do rural galego, namorado da miña vida. Na miña aldea celébrase, na primeira fin de semana do mes de xullo a Rapa das Bestas. Cando era ben pequeno a miña nai levábame ao curro, vía aloitar a meu pai, o meu tío…con aquelas bestas que parecían moi grandes e fortes, e cando apenas era un rapaz meu pai deume unha vara de moca que con agarimo gardei ata o día da baixa. E, sen contar, un día meu pai díxome: mañá vas vir a Montouto, a baixar as bestas. Levo a moca á miña habitación e póñoa aos pes da cama; ela debeu durmir, pero eu nada, sentía un ruxeruxe que non paraba, o sangue viaxaba moito máis rápido polo meu corpo. Miña nai fixo que tomase unha boa cunca de leite. Dicíame: tes que comer, o día é moi longo no monte. Collo a moca, poño unha gorra; xa estou preparado para a miña aventura máis esperada. Os ollos fánseme grandes para ver as primeiras bestas. Imos amodiño, sen facer ruido, escollendo os mellores camiños entre os toxos. Meu pai dime que, se veñen as bestas, levante a moca ao aire e berre”Gho, gho, gho!”. De repente, as bestas botan a correr e meu pai bérrame:”Corre, corre…”. Mirei as bestas, elas ampeaban, eu tamén: sentín que xa non era o mesmo, a paixón polas bestas e pola natureza fíxome medrar. Porque hai algo moi fondo que está no meu ADN. Un sentimento, unha maneira de ser. 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Un sentimento