«Posiblemente estea en cuestións de saúde, sociedade e medio ambiente»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

cedida

Á espera de tomar posesión do cargo o próximo 2 de xullo, está participando nas primeiras reunións do grupo

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O eurodeputado socialista electo de Lalín Nicolás González Casares, o primeiro representante no Parlamento Europeo co que conta o municipio, está tomando contacto coa cámara.

-Cales son as primeiras impresións?

-Son boas. Nunca estivera aquí e todo semella moi grande pero a delegación socialista española é ampla polo que é máis fácil sentirse acollido.

-Persoas coñecedoras do terreo e caras novas.

-Aproximadamente a metade xa estaban aquí e a outra metade somos novos polo que hai equilibrio entre permanencia e renovación. Sénteste ben acollido e empezando a traballar aínda que estamos coas primeiras reunións do grupo socialista europeo que é un grupo bastante numeroso na cámara e con peso específico dentro do Parlamento Europeo.

-Da política local á europea, un cambio drástico?

-É diferente en tamaño pero aquí tamén se defenden os intereses dos cidadáns. Claro que neste caso falamos de 550 millóns de cidadáns europeos, españois, galegos, lalinenses... pero todos necesitamos melloras sanitarias, económicas... e do que se trata é de abordar os problemas comúns, darlle solucións e ver como se poden mellorar.

-Fálase a miúdo do Parlamento Europeo pero segue a ollarse como algo moi lonxano.

-Os parlamentarios somos os que nos nosos territorios debemos de dar a coñecer o traballo que facemos. Estou chegando e non coñezo perfectamente os traballos a realizar, pero sei que se toman aquí decisións moi importantes que afectan decisivamente á vida de todos os cidadáns, e iso é o que hai que achegar ao pobo. Galicia ten moito que ver con Europa e Lalín tamén. A Política Agraria Común xoga un papel importantísimo na zona e significa un tanto por cento alto do orzamento. Moitas veces non sabemos que isto ou aquelo ven de Europa. Grandes políticas que se implementan proceden de directivas europeas.

-Como serán as comisións?

-Estamos primeiro comprometidos en que a nosa xefa de grupo a nivel europeo sexa Iratxe García Pérez, logo veremos o reparto das comisións de traballo. Posiblemente estea en cuestións de saúde, sociedade e medio ambiente sin perder de vista os sectores produtivos de Galicia como a pesca e a agricultura. O luns prometeremos os cargos en Madrid e o 2 de xullo será a cerimonia de investidura no Parlamento Europeo.

-Estará no pleno de investidura do sábado en Lalín?

-O compromiso dun concelleiro vai do primeiro ao último día. Estarei cos compañeiros e felicitarei ao novo alcalde, a José Crespo.