«Temos que sentarnos sen intermediarios nin imposicións»


lalín /la voz

con tranquilidade encara a concelleira electa do PSOE cruceño María del Carmen Silva todo o proceso aberto no municipio, tendente a fraguar un posible pacto de gobernabilidade.

-Entramos na conta atrás e o BNG pediulles que deixaran a súa ambigüidade.

-Debemos estar tranquilos e pensar ben as cousas. Nós dende o principio deixamos claro que apoiamos e queremos o cambio para Vila de Cruces. Estamos nunha posición aí no medio pero non hai dúbida do que queremos. O que temos é que sentarnos e entre os tres buscar un consenso, que é o que pido. Nós apoiamos un pacto de goberno e non vou dicir que prefiro a este ou ao outro. Temos que valorar todas as opcións, pero sempre pensando que hai catro anos por diante e iso significa moitas cousas que facer e que o importante é o pobo.

-Apoian un cambio pero non conseguiron aínda manter un encontro entre as tres formacións.

-Así é. A día de hoxe -por onte- non nos reunimos os tres. Vontade creo que hai e pola miña parte xa lles dixen que temos que sentarnos os tres sen intermediarios nin imposicións.

-Conversas telefónicas habería ao longo dos últimos días?

-O único que fixemos foron reunións con cada un deles (BNG e Xuntos polo noso concello) pero non pechamos ningunha reunión conxunta entre todos. Agora non se pode demorar moito ese encontro.

-Esa reunión a tres bandas podería darse en breve?

-É que ten que habela e ten que pecharse un pacto de goberno se non non hai cambio no municipio. Temos que logralo e antes do próximo día 15 claro.

-Que pode ser resultar o máis difícil desta negociación?

-As negociacións nunca son fáciles pero creo que todos debemos de pensar no pobo, no que quere que é un cambio, e cerrar un pacto.

-Unha rotación ao fronte da alcaldía podería ser unha opción de cara aos vindeiros catro anos?

-Ábrense moitas posibilidades e penso que hai que valorar todas as opcións e apostar pola que nos pareza mellor, por consenso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

«Temos que sentarnos sen intermediarios nin imposicións»