Homenaxean a Ovidio Campos, un dos precursores da movida lalinense

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Co seu irmán Adolfo abriu no ano 1971 a Cafetería, Cine e Sala de Festas Campos, onde se coñeceron centos de parellas

01 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao igual que miles de galegos Ovidio Campos Panadeiros (3 xuño 1932), o cuarto de cinco irmáns, deixou a súa parroquia de A Lagoa en Dozón no ano 1956 para buscar alén dos mares un mellor porvir.

A terra escollida foi Venezuela onde xunto co seu irmán Adolfo, que chegaría ao país anos despois de Ovidio, e unha vez laborou en todo aquelo que puido e lle foi chegando; «montarían á metade unha empresa de movementos de terras, como fixeron todo ao longo da vida, sempre á metade», contextualiza o seu fillo David.

Anos de esforzo e traballo que empurrou aos irmáns no ano 1970 a voltar a Galicia cos aforros suficientes para abrir en Lalín a Cafetería, Cine e Sala de Festas Campos, converténdose nos precursores da movida lalinense. O esforzo e a traxectoria profesional de Ovidio no eido da hostalaría lle será recoñecido o vindeiro 29 de xullo na festividade anual de Santa Marta; patrona da hostalaría por parte dos compañeiros de profesión. Emocións encontradas nos familiares de Ovidio Campos Panadeiros, falecido o 14 de agosto do 2010, ao saber desta homenaxe «que é para nós unha honra que se lembren del, a pesares de que non era unha persoa pública, á que non lle gustaban moito estas cousas, pero estamos moi agradecidos e emocionados que pensaran nel para facerlle un recoñecemento público», suliña o seu fillo David que será o encargado de facer unha semblanza deste empresario visionario.

Visión dun futuro prometedor tiveron os irmáns Campos Panadeiros cando pensaron en darlle forma a algo do que carecía a vila: espazos para que se xuntara a mocidade daquela época; unha cafetería, cine e unha sala de festas. Todo nun mesmo edificio, que se mantén na actualidade, na rúa Luis González Taboada e que foi o punto de quedada para centos de mozos e onde se xestaron ducias de parellas. «Aínda que todas as empresas do grupo sempre se constituiron ao 50 % entre eles, meu pai dedicoulle máis tempo á hostalaría e digamos que a responsabilidade do seu funcionamento recaeu máis nel». Atrás quedan anos en que «A Campos», como se coñecía coloquialmente entre a poboación; era o punto de reunión das fins de semanas. Unha sala de festas con dúas pistas pola que pasaron as mellores orquestras do momento e cantantes de sona coma Manolo Escobar ou Bertín Osborne, e na que se chegaron a sortear «nunha mesma noite ata tres coches».

O aproveitamento dese nicho da movida nocturna, que estaba aínda virxe nos anos 70 en Lalín, por parte doutros empresarios fixo que nos anos 1997/1998 a Campos baixara o pano despois de ser un referente para a mocidade e para a poboación en xeral. Unha cafetería, cine e sala de festas cuxa existencia se mantén viva en moitos dezaos e que forma parte xa da historia deste pobo.