Un saúdo a Laxeiro na porta do museo de Lalín

Manuel Estévez

DEZA

26 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando xa íamos dando conta de todalas partes do marrao, outros comensais continuaban entrando no restaurante Estación en Botos, para facer o propio, mais os viaxeiros tiñan marcado outro encontro no lugar de A Ventosa, en terras de Agolada e ainda unha parada na capital dezán, para mercar uns doces.

No Kilómetro 0, ollamos unha figura pétrea sobre unha peaña e non podía ser doutra maneira, que o propio Laxeiro coas mans metidas dentro do gabán na porta do Museo, a través dunha obra do canteiro dezán O Vila. Abeiramos as esculturas pop-art espalladas polas rúas ata chegar perto do corpo gordecho dun porco, criado polo do escultor Manolo Rial, mostrando o fuciño a rúa Principal, mesmo onde o de Cenlle, Xosé Antonio Carrasco, detivo a marcha para ir a procura das lambonadas.

Axiña quedaron atrás os cabalos de Oliveira, irmans dos da Praza de España en Vigo, para meternos en Goias, berce do inolvidable pintor, Alfonso Sucasas, aqueloutro que deixara pegada no Xacobeo e mesmo onde bautizaran o padre Oro, franciscano que nascera no lugar da Ponte, freguesía de Veiga, por onde pasaríamos minutos despois, sinalándonos o padre Casal, onde tivera o seu arrolo Frei Xosé García Oro.

Sí, señor, aquel conferenciante a nivel internacional que asinaba as súas colaboracións como Pepe da Veiga, despediramo-lo días antes en Santiago de Compostela, onde xa descansa eternamente perto de Cotolai, o carboeiro de Monte Pedroso.

O entrar en Agolada, demos de morros cos mellores guardians da historia ou mesmo dicir Os Pendellos, aquelas atípicas construcións nas que en tempos, ainda recentes o cronista probara un caldo de gloria, o rematar os contos de Celso Sanmartín, durante a celebración da Festa da Randulfa.

Nos tamén temos un pendello aquí, foron as verbas do franciscano que nos acompañaba cando xa percorreramos perto de cinco de quilómetros por unha estrada rural, entre a campía gandeira agodalense, a que trouxo a cabeza do cronista, os cadros do inolvidable Eduardo Úrculo.

- Esa casa de ahí enfrente é a miña.

Xosé Antonio, o da Casa Roucos, detivo a marcha e despois de aparcar e saudar o irmao e cuñada de Xosé Manuel Casal Méndez, un grolo de auga a beira do caserío

-Baixa da cima do Monte Farelo e vai ata casa de todolos veciños, verbas do frade.

Agradecemo-lo o trago, pero moito mais, aquela aguardente da que demos conta na cociña, sentados a beira daquel banco que fora feito por un carpinteiro de Soutolongo en Vilatuxe.

-Ten cincuenta anos e veu do convento de Herbón, a pena e que trouxen só un garrafón.

-Risas-

Chegáramos a unha parroquia que segundo o franciscano, polo ano 1400 tiña personalidade xurídica propia ou sexa partido xudicial, con notaria e direito a párroco, así como os cenobios de Santa Clara de Santiago, as benedictinas de Orrea e S. Palaio de Altealtares, contaban con posesións neste lugar, aos que lle pagaban rendas, pertencía daquela a Parroquia de Santiago, hoxe e un arciprestazgo da diócesís de Lugo con unha ducia de aldeas.

Sexa como for, tíñamos os pes postos en Ventosa, detrás das pegadas da «Catedral do arte rural galego», segundo o inesquecivel Filgueira Valverde e despois de pedir a chave a unha veciña botamos andar ata o templo que ten influencias do Pórtico da Gloria.