«Temos pendente un homenaxe en recordo á figura de Luis Reimóndez»

O Padroado quere por en marcha unha actividade anual vencellada ao teatro adicada a Anisia Miranda


Lalín / la Voz

Profesor universitario e sobriño do escritor, Fernando Redondo Neira estrease como presidente da Fundación Neira Vilas.

-Como tomou o cargo?

-O tomo sentíndome responsable, iso en primeiro lugar e con ilusión, tamén, con ganas e contento por contar cun grupo de traballo importante no senso de que son xente con experiencia na actividade, na xestión cultural e que van aportar e están aportando xa ideas interesantes. E nese sentido, arroupado. Ese é un pouco do ánimo de arranque.

-Vostede xa formaba parte dende o 2016 do Padroado da Fundación e na reunión do luns falábase de xestións e de continuar. En que se está a traballar?

-A Fundación naceu como unha biblioteca, sabemos que está no rural, nunha aldea, sabemos como están evolucionando as aldeas. Queremos que aquilo sexa un centro de estudos da obra de Neira Vilas, alí é onde está gardado o seu legado; a súa documentación, os seus arquivos,... todo o que precisaría un investigador ou un estudoso. Entendémolo, ou nos gustaría convertelo, nun centro de estudos da historia local, un centro de documentación para o estudo da comarca. Temos o premio de novela Neira Vilas que este ano se vai convocar a cuarta edición e temos pendente algún tipo de actividade, que aínda está sen determinar en torno a figura de Anisia Miranda, que eu sempre procuro mencionala e tela presente e nos gustaría facer algún tipo de actividade vinculada a ela e pensamos en algo que teña que ver coa actividade teatral, porque era unha das súas facetas porque era autora teatral. Será algo dese campo, que terá un carácter anual, pero que está aínda sen determinar e sería unha das novidades. Temos tamén pendente e xa o falamos onte que creo que é obrigado é encantados de facelo, un recoñecemento, un recordo ou unha homenaxe á figura de Luis Reimóndez. Queremos que sexa un acto público. Logo outras ideas que foron xurdindo e que se irán concretando e materializando e que teñen que ver coa promoción da obra de Neira Vilas, coa dinamización cultural a través da literatura a través de encontros con escritores con autores, que nos falen da influencia que Neira Vilas tivo na súa obra. Fundamentalmente autores novos e novas porque un pouco o que percibimos é que para que a Fundación teña sentido precisamos atraer a público novo á obra de Neira Vilas. Temos connosco un clásico da literatura galega pero os clásicos teñen que seguir vivos e esa é a nosa responsabilidade.

-Neira Vilas tiña todo etiquetado e requetiquetado, non sei si hai previsto facer un inventario ou rematalo.

-Eu acabo de aterrar. A Fundación ten a biblioteca, o museo,, o auditorio, a propia casa do escritor e ese é un traballo pendente que eu teño que facer e saber qué hai é onde está cada cousa sobre todo aquilo que Pepe tiña máis da súa man que era documentación, fotografías, escritos inéditos que hai, e que están saíndo en libros póstumos e que sairán máis. Todo ese material ten que estar perfectamente catalogado e inventariado. No Museo si que está todo inventariado e todo iso é o primeiro que temos que ter de man. A vivenda a idea é que se manteña no posible tal e como quedou cando nos deixou Pepe e nos deixou Anisia.

-Que lembranza ten de Neira Vilas e daquel acto en 1981 de colocación a placa na casa que deu orixe a Fundación?

-O lembro como si fora onte. Foi unha iniciativa de Manuel Reimóndez Portela que foi o que tivo a idea de crear algo en torno de Neira Vilas. Era novembro de 1981 e se colocou un monolito que simplemente puña que aquela era a casa onde naceu Xosé Neira Vilas. Manuel Reimóndez Portela falara con meu pai por si algún dos seus fillos quería participar e fun eu. Tiña once anos e lin unhas cuartillas que eran unha especie de perfil de Neira Vilas. Descubrín fai pouco vendo imaxes daquel acto que arredor había unha persoa facendo fotos, e esa persoa era Luis Reimóndez, o fillo do doutor Manuel Reimóndez e que logo sería presidente.

A principios de verán convocarase unha nova edición do Premio de Novela Curta

A colocación daquela pedra en 1981, supuxo o primeiro paso de cara o nacemento da Fundación e como explica o seu sobriño Fernando «do recoñecemento público a Neira Vilas no que é a súa aldea a súa contorna».

Redondo Neira lembra que «moitos anos despois, visitando a Pepe, Luis Reimóndez sempre me dicía que tiña pendente entregarme unha gravación daquel acto e finalmente entregoume un DVD con unhas imaxes que duran seis, sete minutos, no que aparezo eu lendo aquelas cuartillas e que era unha gravación creo en un súper 8 de cine e fíxome unha ilusión tremenda recordando aquela tarde chuviosa e de inverno terrible». Indica que «a morte de Luis Reimóndez, foi un golpe duro, unha sorpresa, sabiamos que tiña algúns problemas de saúde pero non para ese desenlace. Na fundación quedamos orfos. Luis foi un colaborador estreito de Anisa e Pepe continuando coa labor que facía o seu pai e seguiu facendo ese traballo cando faltou Pepe».

Agora, Fernando Redondo, unha vez colleu o relevo, explica que «de cara a principios de verán convocaremos o premio de novela curta que esperamos que teña a maior difusión posible e que haxa unha boa participación. Saíu tamén a colación facer algo coa figura de Neira Vilas no campo audiovisual para dala a coñecer por outras vías, que teñen máis que ver coas redes e coas novas tecnoloxías». O novo presidente subliña que «o que máis me gusta da Fundación é que é o espazo literario de Neira Vilas, non podo ler nada del sen visualizar Gres».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

«Temos pendente un homenaxe en recordo á figura de Luis Reimóndez»