Grela do Deza nace para defender a lingua e a cultura

DEZA

MIGUEL SOUTO

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Lalín conta cunha nova asociación cultural e de defensa da lingua galega. É o colectivo Grela Cultural do Deza que se presentou onte na sala de prensa do Concello. O fixeron a súa presidenta, Ariadna Fernández, o vicepresidente, Marcial Barral, e Luís Couto como secretario. Os seus obxectivos son a posta en valor da lingua e a promoción de actividades culturais, así como a realización de estudos de diagnóstico da lingua. Preséntanse como plataforma aberta a todas as persoas do Deza que se queiran achegar.

Ariadna Fernández explicou que non hai ningún requisito e pode achegarse calquera que queira facer cousas en positivo pola lingua e a cultura indicando que «estamos ó marxe de ideas políticas».

Polo momento xa teñen programada unha primeira actividade que terá lugar coincidindo ca feira do 18 de maio en Lalín.

A iniciativa estará protagonizada por Cristina Collazo e Anxo García que representarán Teatro á feira, unha intervención de teatro de rúa que terá lugar na feira. Nela os actores interactuarán co público dando vda a distintos personaxes típicos nas feiras.

Dende Grela se apunta que «a idea era incluír tamén algún contido relacionado coa lingua e os prexuízos lingüísticos» pero é algo que aínda están mirando.

De momento, o colectivo conta con cinco membros pero están abertos a toda a xente que queira sumarse.

Os interesados poden contactar a través do enderezo grelaculturaldodeza@gmail.com ou a través da páxina de Facebook coa que xa contan de Grela Cultural do Deza.

«A idea da Grela, comentan, é servir de plataforma para diferentes cousas» e para os proxectos e iniciativas que calquera persoa que queira por en marcha relacionadas coa cultura e coa lingua e que a través da asociación, xa legalmente constituía, lle será máis doado que facelo a título individual.

Lles preocupa a cultura galega e a situación de mudanza da substitución do galego polo castelán, lembrando que o revés «esa situación non se da». Co colectivo o que queren é contribuír a mudar este proceso e reverter a situación dándolle un pulo a nosa lingua.

Grela Cultural quere ser tamén un punto de xuntanza, ser unha ferramenta de traballo e «darlle saída ás ideas». Unha vez presentados buscan membros. Xa celebraron na biblioteca fai tempo unha asemblea aberta para que se achegaran os que quixeran formar parte do colectivo.