«Isto vai de ideas e non de idades e eu tentarei responder á ilusión da xente»

«Parece que no PSOE todo o mundo pensa que son un bo candidato, así que estou decidido a aceptar o desafío»


a estrada / la voz

A executiva local do PSOE estradense formalizará esta noite a proposta de Luís López Bueno como candidato á alcaldía da Estrada para as próximas eleccións municipais. A candidatura será refrendada o sábado pola militancia. Luís López Bueno, graduado en Dereito, secretario local de Xuventudes Socialistas e porteiro titular do Praíña, asume o reto con ilusión.

-¿Cal foi o seu primeiro contacto coa política e como xurdiu?

-Sempre tiven inquietudes políticas. Mameino desde a casa. Tanto o meu pai, Leonardo López Riveiro, como a miña nai, María Dolores Bueno Peiteado, foron algunha vez nas listas do PSOE. Eu afilieime ás Xuventudes Socialistas con 16 anos, estando Rocío Gómez de secretaria xeral.

-Cinco anos despois daquilo ocupou vostede o posto número 13 da candidatura socialista que encabezou José Antonio Dono, ¿como foi esa fichaxe?

-Ao estar nas Xuventudes, falaron comigo Belén Louzao e Dono. Naquel momento pilláronme un pouco de sorpresa, pero aceptei ilusionado.

-¿Imaxinaba daquela que ás seguintes municipais ía encabezar a lista do PSOE?

-Daquela non. Todo se xestou despois.

-¿E como foi esa xestación?

-Vas coñecendo á xente, participando nas executivas e a partir de aí... Parece que todo o mundo pensa no PSOE que son un bo candidato, así que estou decidido a aceptar o desafío.

-¿Convencérono ou presentouse voluntario?

-Aí, aí... (ri)

-¿Como ve estas eleccións?

-Hai que tomalo con cautela. Para empezar, primeiro tense que pronunciar a militancia. A noticia foi ben acollida. Penso que xerou ilusión. Traballaremos para estar á altura e responder a esa ilusión da xente.

-¿Que nos pode avanzar do resto da candidatura? ¿Tamén se apostará pola renovación?

-Aínda non estamos no tempo de dar datos concretos. Agora non hai nin candidato. A partir do sábado afondaremos niso. Buscaremos ser abertos como sempre fomos.

-É o máis novo dos catro candidatos coñecidos ata o de agora. ¿Penso que iso se verá como unha vantaxe ou un inconveniente?

-Penso que non hai debate niso. Comprendo que á xente lle impresione que un rapaz de 25 anos decida tomar as riendas... Pero isto vai de ideas e non de idades. Na medida en que as ideas sexan boas os veciños depositarán a confianza en nós.

«Sabemos traballar arreo para recoller as inquedanzas e para devolverlle o Concello aos veciños»

De entrada, López Bueno ten as ideas claras sobre o que hai que mudar.

-¿Como ve aos candidatos rivais?

-Penso que son acertados na medida en que as súas formacións depositaron a confianza neles, pero nós sabemos traballar arreo para escoitar aos veciños e ser quen de recoller as súas inquedanzas.

-E vostede, ¿vese máis cómodo na política ou no campo de fútbol?

-Nos dous, aínda que son cousas distintas. O deporte practícoo por hobby. Na política penso que tratamos cousas máis importantes.

-¿Que hai que cambiar na Estrada?

-Nos últimos catro anos o goberno dedicouse a vivir de rendas. Perdemos poboación nos grupos en idade de producir. Hai que tomar medidas que non se están tomando. Fai falla atraer industria para fixar poboación. Niso imos centrar a nosa visión. Hai moito que avanzar. Hai que atraer familias que consuman aquí e activen o comercio local. Se lle vai ben, por ende, a todos nos irá mellor. Tamén hai que actuar no rural, que perde poboación. O rural está envellecendo e non se están mellorando os servizos.

-¿E que lle parece a reforma da alameda?

-Non era o momento de facela. Existen outras obras máis urxentes, como a rede de augas. Convén tomar cartas no asunto para dar resposta a ese problema. Non pode ser que haxa cortes de augas cada mes. Tamén é prioritario mellorar o funcionamento da Edar, por exemplo.

-A campaña está a un paso. ¿Está preparado?

-Estou moi convencido e con moitas ganas de traballar e de escoitar demandas e preocupacións dos veciños. Hai que darlles resposta a esas inquedanzas e devolverlle o Concello aos veciños e veciñas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Isto vai de ideas e non de idades e eu tentarei responder á ilusión da xente»