«A serie SOS foi a miña maneira de abordar o problema das fragas»

amelia ferreiroa

DEZA

rober amado

A fabricación de gaitas e a loita en Catasós contra a liña de alta tensión centran as imaxes destas dúas series

26 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Brandido mostra dende onte no Museo Ramón María Aller traballos fotográficos das series «SOS» e «Inédito», que se poderán visualizar ata o 15 de febreiro.

-Instantáneas sobre as Fragas de Catasós que realizou no verán de 2015.

-E que seguen tendo plena actualidade xa que o conflito non se solucionou aínda que o feito de que esté parado pode ser positivo. A serie, que se chama SOS, foi a miña maneira de abordar o problema das fragas, unha problemática que chegou ata Coruña onde vivo eu. A segunda serie de vinte pezas que representan a artesanía galega, a creación de gaitas, foi un encargo profesional que me fixeron e que cada un pode ver o que queira nesas fotografías.

-En que momento comezou a súa relación coa fotografía?

-Sendo moi novo. Unha primeira cámara que chega as túas mans, fas unha viaxe a Francia cun instituto de Lalín e tiras un montón de fotografías e aí comeza todo... Despois é cando fas cursos en parelelo aos estudos e vas acumulando un montón de imaxes... Finalmente chega alguén que che brinda a oportunidade de mostralas e fas a túa primeira exposición...

-Primeiro, o carrete...

-Fun dos que pasou primeiro efectivamente polo carrete pero o medio dixital aporta moitas facilidades. O que queira analóxico perfecto pero é máis complicado. O importante é expresarse a través dos medios.

-Branco e negro ou cor?

-É o gran debate pero persoalmente aposto máis pola cor. Nestas series hai un pouco de todo; na de «SOS» hai traballos en branco e negro e tamén en cor e a segunda é íntegramente en cor.

-Vindeiros proxectos?

-A fotografía non é unha dedicación total pero teño proxectos en paralelo que non están rematados sobre obra de enxeñería.