Máis que pedras e árbores


Hai uns meses comezaron as tan anunciadas e esperadas obras de ampliación da alameda. Pero, desde a última semana, cada día parece que nos trae un novo despropósito peor que o anterior e os veciños e veciñas puidemos ver con incredulidade como eran arrasados unha serie de elementos (a pérgola, as árbores...) que levaban anos formando parte dos nosos recordos, que nos vinculaban a un espazo e a un tempo.

Deste afán destrutor tampouco se librou a praza que, a pesar de ter recibido unha custosa renovación no 2003 e estar en perfectas condicións, foi levantada por completo sen sequera tratar de aproveitar as pedras para outras obras. Parece que (mal)gastar cartos públicos en reformas innecesarias non é unha prioridade para o señor alcalde quen, por certo, formaba parte do equipo de goberno que decidiu empedrar a praza.

Está visto que a reforma da nosa alameda foi unha das promesas electorais preferidas nos últimos anos e todos os dirixentes quixeron deixar a súa pegada (a fonte, os parterres, o empedrado...); o problema é que as sucesivas modificacións semellan ser o resultado da visión (iluminación?) particular dunha persoa ou un equipo e nunca se tivo en conta a opinión da veciñanza que, tendo en conta as reaccións que se están dando, non parece moi favorable.

Este desacordo goberno/cidadanía quizais sexa o punto máis importante ao que chegamos. O PP descoñece que a democracia é moito máis que presentarse as eleccións cun programa electoral determinado: é debater coa cidadanía sobre todo aquilo que lle vai afectar. Ningunha maioría absoluta concede o dereito divino a decidir sobre calquera tipo de obra que se faga nunha vila ou cidade nin os argumentos de que “formaba parte do programa electoral” ou de que “só” se talaron “seis árbores” xustifica “arrasar” co xa feito; é necesario que os cambios sexan debatidos e validados polos veciños e veciñas, feito que, non o esquezamos, é unha das condicións que consta como cumpridas no EDUSI.

En conclusión, coa obra da alameda perdeuse unha gran oportunidade de afondar na participación democrática sobre as decisións que nos afectan e o prezo que imos pagar é a desaparición irrevogable dunha serie de elementos que eran parte das nosas vidas e que vinculaban a varias xeracións de estradenses. A partir de agora, a alameda á que nos levaron os nosos pais e nais, á que levamos os nosos fillos e fillas, o lugar no que amamos, rimos, xogamos, choramos ou cantamos vai ser un proxecto impersoal que só conservará un único recordo do pasado: o palco de música... prohibición expresa de Patrimonio mediante.

Autor Xosé Magariños Portavoz do BNG da Estrada

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Máis que pedras e árbores