O noso maior tesouro


OMuseo Casa do Patrón, o gran conxunto etnográfico da Galicia interior, ese máxico lugar habitado polas musas, do que parten ducias de iniciativas culturais ao longo de cada ano, que ten a honra e a responsabilidade de albergar milleiros de restos arqueolóxicos do castro de Doade e centos de apeiros cunha morea de anos ás súas costas, que foron utilizados noutras épocas polos nosos devanceiros da terra galega, está repleto de tesouros que agochan un enorme valor histórico, turístico e cultural.

Pero o noso meirande valor non son os edificios nin as pezas do Museo, nin os deliciosos manxares da comida tradicional do restaurante, nin a restaurada e coidada aldea de Codeseda, toda unha referencia para o mundo rural galego, nin sequera a impresionante puxanza verde dos extensos soutos de castiñeiros e carballeiras que conforman a paisaxe que nos asolaga, ou a contorna biosaudable de Entre Ríos cos seus muíños de regueiro en funcionamento, a impresionante atalaia do castro de Doade sobre o val do Asneiro, o único castro escavado e visitable da zona, ou as rutas de sendeirismo, que invaden os camiños e carreiros de Ribas do Asneiro. É o compoñente humano representado polo grande equipo de traballo do museo, os nosos queridos veciños de Doade e parroquias limítrofes, e, sobre todo, polos milleiros de visitantes que estamos a recibir de toda procedencia e condición, que tratamos co esmero, cariño e respecto que se merecen, para tentar cubrir na medida do posible as expectativas e ilusións que quizais lles tiñamos xerado antes de coñecernos.

Aínda que valoramos por igual a totalidade das nosas visitas, dándolle a máxima importancia a todas e cada unha delas, se tivéramos que elixir, o noso maior tesouro sería, sen dúbida ningunha, os milleiros de nenos procedentes de máis dun cento de colexios galegos que, acompañados polos seus mestres, viñeron un ano máis a compartir xornadas enteiras de cultura e lecer cos guías da Casa do Patrón.

Son eles os futuros piares da nosa sociedade cara aos que, como humilde doa do colar da historia do pobo galego que nos consideramos, temos a ineludible obriga e o fermoso labor de transmitirlle dun xeito lúdico e didáctico un anaquiño da sabedoría dos nosos antepasados, ensinándolle a mirar sempre nas cinco direccións, como facían eles: cara atrás, para saber de onde vimos; cara adiante, para saber a onde nos diriximos; cara aos lados, para ver quen nos acompaña nos momentos difíciles; cara abaixo, para non pisar xamais a ninguén e cara arriba para sentir que hai un ser superior que nos coida, e a valorar en todo momento a nosa cultura e a natureza que nos acolle, que despois de centos de séculos, continúa a ser o noso único e verdadeiro fogar.

O traballo pagou a pena, se fomos capaces de devolverlles un chisquiño do bulicio, da alegría, do sorriso, das grandes leccións de humildade, amizade, sinceridade e inocencia cos que nos agasallaron e contaxiaron cada minuto da súa estadía na nosa casa, que xa sempre será a súa, porque estamos seguros de que, cando medren e se fagan maiores, nun pequeno recuncho da súa mente e do seu corazón permanecerán escondidos algunha insólita imaxe e algún recordo inesquecible dunha casa feita por xente maior, coa ilusión dun rapaz: o Museo Casa do Patrón, o fogar de tódolos nenos galegos.

Moitas grazas a todos polo voso cariño, bo Nadal, e, para o ano 2019, seguiremos á vosa enteira disposición!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O noso maior tesouro