Don Olimpio (traballador de base con altura)

David Otero TRIBUNA ABERTA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

16 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Felizmente (e el sabíao e por iso militou nel) somos o Pobo do Galego e non un oase no que disfrutar de sombra e compracencia. Xa é de vello o aquel dicir que do traballo sae

todo e por iso Don Olimpio, mestre de pobo no pobo, asumiu este principio como un dos importantes no desenvolver da súa vocación educadora e nese traballo, magnitude de difícil medida, el tamén se afirmou no seu (e noso) idioma. Tiña claro que das palabras nacían as belezas e así intuía encantos de identidade que concretaba na potenciación na escola da lectura e da escritura. A esperanza que el axudaba a construír entendeuna como un camiño de salvación e así nela puxo rumbo e educou con todas as súas forzas. Gozaba do nacer dos días pois a súa tarefa sempre estivo por fóra das rutinas. Non estaba satisfeito e agardaba ao novo alborexar para que as cousas fosen a mellor. Os soños voaban por riba das realidades que algunhas no seu caso feríano como coitelas. Non lle gustaba o que vía e abrazábase aos desexos coa idea de que os feitos educativos, as vidas, pintasen de mellor maneira. Foi un mediador importante e un promotor de excelencia polas propostas pedagóxicas que desenvolveu postas a feitos que velos aí temos. Buscou e foi ao fondo de quen somos. Divulgou e fixo máis grande especialmente a nosa cultura estradense. Afastouse dos principios dos que o saber é un monopolio. O seu facer non conlevou submisión algunha. Foi prudente e equilibrado. Recoñeceu e recoñeceuse. Soubo contar o amor. Para Don Olimpio escoitar foi aprender. Un traballador de base con moita altura.