Case 500 reservas para o magosto especial de Botos

amelia ferreiroa

DEZA

18 oct 2018 . Actualizado a las 17:02 h.

A parroquia lalinense de Botos dará este sábado o pistoletazo de saída dos numerosos magostos que se irán espallando pola zona, centrándose moitos deles en datas máis próximas ao San Martiño. «Nós tivemos que adiantalo para poder contar coa orquestra Cinema, que colle vacacións o día 31, e que xunto a Huracán serán as encargadas de amenizar a noite», explica Pepe Cuñarro dende a comisión organizadora. Pero o sexto Magosto de Castañas Ecolóxicas comezará antes coa cea a base de torresmos, churrasco mixto, pan, viño e café á que se estima poden asistir case 500 persoas. «Nos puntos de venda xa retiramos as tarxetas que teñen un prezo de 15 euros e ata o mediodía poden pedírnolas a nós pero logo xa pechamos. Queremos que a xente vaia ben comida e ben atendida e fai falta tempo para preparar todo». Festa na que non faltarán as castañas, uns 150 quilos xa están mercados para a ocasión, e para a que se espera unha gran afluencia de público tamén á verbena «xa que a previsión meteorolóxica é boa, hai sitio para aparcar con comodidade... Vamos que non se pode pedir nada máis».