Viascón e a verdade

Jorge Cubela PRESIDENTE DE CERDEDO-COTOBADE E DO PP LOCAL

DEZA

19 sep 2018 . Actualizado a las 17:23 h.

Andan estes días revoltos os socialistas a conta da decisión do Ministerio de Fomento, que agora dirixen, de reactivar o paralizado proxecto de reforma da travesía da N-541 na nosa parroquia de Viascón e decidiron, tendo en conta o total rexeitamento a esta obra, acometer a denominada “fuxida cara adiante” e culpar da reanudación ao PP, a Jorge Cubela, a Ana Pastor e mesmo a gaivota do logo do noso partido. Como non!

Para elo, e máis aló de recorrer á falsidade, á demagoxia e ás notas de prensa sen aportar un só documento, tamén empregan a figura do deputado Guillermo Meijón para, nun “brilante” artigo de opinión, acusarme de mentir. E non llo consinto.

Na vida e na política, o que é medible non é opinable. Co PP no Goberno Central, a obra de Viascón paralizouse e as expropiacións suspendéronse. Así foi durante dous anos e medio ata que, a comezos de xuño, mudou o executivo en Madrid. E os socialistas só tardaron dous meses e medio en reactivar as expropiacións e poñer en marcha o paralizado proxecto.

Din que é culpa do PP. Que as obras eran imparables. Que mala sorte teñen! Que casualidade que isto suceda xusto cando eles chegan ao Goberno. É o mesmo infortunio que lles pasa co paro, que acceden eles ao Goberno é empeza a subir desmesuradamente por cousas que din que fixemos nós. Xa está ben de enganar á xente.

O proxecto de Viascón estaba parado, completamente parado, e o Concello de Cerdedo-Cotobade presentou ante Fomento, malia que os socialistas o negan, unha solicitude de paralización da obra e un documento reclamando a segregación e anulación do proxecto en Viascón, porque así se nos indicou desde o ministerio que debíamos facelo. Esa documentación pódese comprobar, xa que está colgada nas miñas redes sociais, porque eu falo con papeis. Este goberno fixo todo para defender aos seus veciños.

E agora veñen con que era imparable. Pois en todo caso, dígolle ao parlamentario que, por se non o sabe, a Lei de Contratos permite a súa modificación. Se teñen vontade de apoiar aos veciños de Viascón, que eu creo que non porque andan tentando arañar uns votiños, poden parar a obra mañá mesmo coa lei na man. Querer é poder. Pero non queren.

E unha pregunta directa para o señor Meijón: Fai un artigo de opinión por cada pregunta parlamentaria que presenta? Ou é que ten que saír porque o PSOE de Cerdedo-Cotobade non o quere facer porque ten medo a non atopar en Fomento un interlocutor que lle pare a obra como fixemos nós cando gobernaba o PP en Madrid?

Ignoraron a Viascón durante anos sen arranxar o socavón da vergoña, que non se solucionou ata que o PP chegou ao Concello e ao Goberno central, e agora van volver rebentar a parroquia coa paralizada reforma da travesía, pero vannos atopar todos os días de fronte.

Na defensa dos veciños de Viascón, sempre.