«O acoso en forma de exclusión social é o máis preocupante»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

OSCAR CELA

O 90 % dos nenos trans son hostigados nas aulas segundo revela a asociación con motivo do comezo de curso

14 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ledicia para uns e certo grao de preocupación para outros nesta volta ás aulas. Para a presidenta de Arelas (Asociación de Familias de Nenos Trans) Cristina Palacios, nai da primeira nena trans que se visibilizou nos medios e mudou o seu nome, o comezo do curso académico supón «un pouco de ansiedade».

-Ansiedade polo feito de que o 90 % dos nenos transexuais son acosados nos centros?

-As cifras de acoso escolar con respecto ao alumnado, non só de nenos trans senón tamén LGTBI, sempre son moi preocupantes. A realidade é que é un acoso presente, atreveríame a dicir, en todas as escolas e institutos. Un acoso que ten que ver sobre todo na exclusión destes menores. Falamos de nenos e adolescentes que non cumpren coas normas de xénero impostas socialmente e implica que os compañeiros os exclúan. Este tipo de acoso é moi doloroso, fai mella na personalidade do menor, fai que se sinta só e provoca que moitos adolescentes non saian prácticamente das súas casas. O acoso en forma de exclusión social é para min o máis preocupante, tamén o que ten que ver cos insultos e as agresións. Na exclusión social moitas veces o profesorado non lle da importancia ou mira cara outro lado. Creo que aí é onde temos que traballar.

-Mellorouse a sensibilidade nas aulas?

-Nada que ver co que se vivía antes. Hai un avance no coñecemento da realidade trans ao darse conta o profesorado que a transexualidade infantil e xuvenil existe e hai que falar dela. No coñecemento avanzamos pero se me preguntas se segue existindo esa lei do silencio no acoso escolar, dígoche que si. Admitir que no teu centro xiste acoso é algo difícil. O acoso ten que ver co fracaso na educación na casa pero tamén cun fracaso á hora de traballar a visibilidade, o empoderamento e a diversidade sexual nas aulas, cuestión que penso que non se fai suficientemente nos centros.

-Falaba do fracaso na educación na casa. O primeiro será asumir a situación de transexualidade do neno ou da nena, e non todos o admiten.

-Admitir que tes un fillo ou unha filla trans é complexo xa que sabes que vives nunha sociedade na que iso non se vai admitir de xeito doado. Iso é o que realmente xenera ansiedade e preocupación no seo familiar. Claro que tamén hai familias que non o aceptan, e algúns casos chegan nese sentido á asociación, pero realmente o medo está en como lle vai ir na vida a ese neno ou adolescente. O rechazo familiar existe pero creo que é menor.

-Co comezo dun novo curso académico é necesario un ano máis na necesidade de levar a información aos centros?

-A información é fundamental. O coñecemento é fundamental. Como asociación levamos a cabo moitas charlas polos colexios e institutos e alí onde falamos de todo isto de maneira aberta e natural, como debe de ser, acábanse malos comentarios e desagradables situacións... pero realmente a labor de transmitir isto é dos docentes e creo que moitas veces non o fan ao non ter formación suficiente ao respecto. A Xunta debe impulsar esta formación.