Soutolongo festexa os 50 anos da Asociación A Nosa Escola

A sede do colectivo lalinense está no que fora nas súas orixes centro de ensino primario e vivenda de maestros


lalín / la voz

Os veciños da parroquia lalinense de Soutolongo vestiranse este domingo 17 de xuño de festa para celebrar as vodas de ouro da súa asociación: A Nosa Escola. Cincoenta anos de existencia dun colectivo, dos máis lonxevos que se manteñen activos no municipio, cuxa sede está no que é o actual centro sociocultural da parroquia, noutrora escola de ensino primario. As orixes do edificio remóntanse ao ano 1925 sendo a familia González Gamallo promotora da edificación, segundo consta nos datos sobre as escolas da emigración recompilados polo Consello da Cultura Galega. Un edificio escolar que foi entregado ás autoridades educativas provinciais para que se fixesen cargo do seu funcionamento. Nun principio tiña 2 aulas, para nenos e nenas da parroquia, con entradas independentes polos laterais; posteriormente a zona da aula do lateral dereito foi habilitada como vivenda do mestre.

A revista Céltiga, no seu número 48 editado o 25 de decembro do ano 1926 en Bos Aires (Arxentina), informaba sobre dito centro e subliñaba por aquel entón que «estaba destinado a escuela mixta, con dos amplias aulas separadas, dotado de excelentes condiciones de confort e higiene, de material docente moderno y completísimo. El Estado solo costeará el maestro y el ayudante y lo demás pertenece al cuidado de los donantes».

Un centro que tiña un amplo terreo con balaústres de pedra e reixas de ferro, que se manteñen na actualidade, malia que o muro orixinal tivo que ser retirado uns metros por mor da construción da estrada que pasa por diante do edificio polo que se perdeu unha parte dos terreos cos que se contaba. Un recinto escolar cunha construción independente, que tamén se conserva, que era usado polos rapaces nos recreos cando chovía. A escola funcionou como centro educativo ata o ano 1970 cando o Estado realizou a concentración dos grupos escolares pasando a centro sociocultural.

Máis dun cento de veciños e familiares compartirán xantar

Con motivo desta importante efeméride a actual directiva da asociación programou unha xornada dominical de confraternidade e lecer que comezará ao mediodía cunha misa na igrexa parroquial, e posterior procesión de San Antonio ata o Couto. Aqueles que o desexen poderán levar as súas mascotas que serán bendecidas. Ao rematar os actos relixiosos haberá sesión vermú con música en directo que correrá a cargo dun dúo para dar paso seguidamente a un xantar de convivio a base de entremeses variados, grellada mixta, sobremesa e café baixo carpa ao que se prevé asistan unhas 150 persoas, entre veciños residentes na parroquia e moitos que viven fóra pero que están materializando aínda as súas reservas de praza para o evento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Soutolongo festexa os 50 anos da Asociación A Nosa Escola