«Jaipur», un dogo alemán con pedigree lalinense, rei en beleza

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

O exemplar, de catro anos e setenta quilos, opta a novo galardón esta fin de semana en Guadalaxara

23 may 2018 . Actualizado a las 07:53 h.

A vida familiar de Lola García e Gúmer Portas leva máis de vinte anos ligada aos dogos alemáns; «cada persoa é amante dunha zona e nós apostamos por esta», remacha a dona de Jaipur de L’Outsaïna, un macho dourado que se proclamou Campión Internacional de Beleza e Aptitudes para a Raza.

-Primeiro campión internacional, como se chega aquí?

-Chégase con esforzo e moita afección. Ser campión internacional implica selo en beleza en 3 países diferentes; neste caso en Portugal, Francia e España, e conseguir ditos campionatos leva tempo, xa que entre o primeiro punto conseguido e o último ten que pasar cando menos un ano, e a maiores tes que ser xulgado por xuíces diferentes. O exemplar debe ter unhas características que se adapten perfectamente ao estándar da raza e que poden ser facilmente recoñecibles polos xuíces de países tan diferentes como Croacia, Alemaña, Portugal, España, Francia, Noruega,... recoñecendo a valía deste exemplar como raza representativa do dogo alemán.

-Campión en beleza.

-E en aptitudes para a raza, que así se denomina, e que implica ter unhas características físicas en canto ás formas, cantidade de pel, musculatura e carácter, xa que un desaire co xuíz ou calquera outra persoa suporía unha descualificación.

-Carácter excepcional?

-Éo. Semella un osiño de peluche! Cada exemplar ten o seu carácter pero neste caso é súper nobre e cariñoso.

-O seguinte obxectivo?

-Acudir esta fin de semana a Pastrana (Guadalaxara) ao Monográfico Español do Dogo Alemán, no que competirá Jaipur na súa cor; e, se gaña, que non é fácil polo bo nivel que existe, chegar as outras competicións.

-Futuras camadas?

-En oito anos tivemos tres. Non é o noso centro de actividade pero Jaipur está sendo un papá prolífero e recoñecido por criadores que queren contar coa súa liñaxe e pedigree. Vai ser papá en Guadalaxara e en Francia e xa o foi dúas veces en Portugal. Oxalá que os fillos continúen a súa estela, sobre todo no carácter.