Autónomo e anticapitalista


Acendo e unha cadea de televisión española falaba da situación delicada pola que atravesa o comercio tradicional. Falaban os propietarios en varias cidades de España (entre elas Santiago) da caída e a parálise total no que vai de ano ao que vendas se refire, e que a recuperación económica tan cacarexada nin chegou nin se espera. As grandes áreas comercias e as vendas on line eran, segundo os entrevistados, os principais causantes. Laiaban da situación dos autónomos: sen paro, horarios interminábeis, sen vacacións nin presencia en serio na axenda dos políticos.

Hai moito estúpido que ao que monta un comercio lle chama emprendedor sen saber o que vale un peite, que pensa que estás a realizar o soño da túa vida e o que fas é endebedarte por moitos anos para que os bancos che empresten 3.000 miserables euros, despois de ter dado do teu peto a parte proporcional dos 20.000 millóns que estes cerebros da economía de mercado nos endiñaron. Non sabe ese necio que ao que ti aspirabas era ser un asalariado con soldo digno, 14 pagas prorrateadas ou non e 30 días e vacacións ao ano.

Aínda hai quen acredita en que os Centro Comerciais Abertos teñen a estas alturas algo que pintar, cando está probado que a situación é cada vez peor. Non hai máis que ollar os locais pechados, os negocios intermitentes nun escenario penoso O dos CCAA é un engana bobos, o azucre que se lle da á burra para que estea tranquila e sen nervos mentres a pasta de verdade vai para as grandes corporacións que para iso lle pagan as campañas electorais.

Con cartos públicos construímos accesos asfaltados, alumeados deslumbrantes, á policía local que desconxestione as entradas de Cancelas; pagamos unha televisión na que para falar do ben que vai a campaña de Nadal ubican ao xornalista enviado especial diante dun cartaz do Corte Inglés. Os ultramarinos morreron cos mercadonas, as ferraterías cos leroys, as tendas de deportes sofren cos decathlons, as moblerias outro tanto cos ikeas…..

Claro que moita culpa témola nós por non estar asociados e transformar o que son mais ben comisións de festas en colectivos de defensa dos comerciantes. A crítica limítase ao corte ou a pintar dunha cor ou doutra non sei que rúa. Claro que así o concelleiro de turno aplaude coas orellas porque non te metes en política.

Pasmando coas luces do Nadal

Claro que hai a quen lle vai ben, sobre todo se se arrima ao poder e aos seus mundiños microcorruptos e se che vai mal ou se estás no paro e es un pailán xa procurarán que pasmes coas luces de Nadal, bailes as grazas do Escombro Dominicano polas festas patronais e soñes con darte un chapuzón na fonte cool da nova alameda cando o Estradense ascenda.

Cambio de canal. Pili Pampín pregunta a un paisano canto pesa o boi que pace pola corda nunha cuneta entre as gargalladas dun público entregado e que se ben arriba mesmo cun pé no cadaleito. Os nosos cativos plantan frondosas nas terras carbonizadas de Vigo como corresponde a un país gobernado por decididos ecoloxistas, comprometido co futuro deses nenos que terán que ir investigar a Inglaterra ou traballar a Portugal. Por algo tentan falar o castelán.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Autónomo e anticapitalista