O «outro» libro das festas de Berres

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

desconocido

A comisión do Amparo publica un volume coa historia dun barqueiro dos que cruzaban o Ulla ata o século pasado

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A comisión do Amparo de Berres vén de publicar un libro das festas moi particular: Lorcho o barqueiro, que recupera unha figura desaparecida na aldea hai máis de medio século, cando as barcas se empregaban para achegar a beira estradense do río Ulla coa de Vedra, ata Sarandón ou As Regas, sen ter que facer quilómetros ata as distantes pontes nuns tempos con poucos medios de locomoción. Álex Bernárdez, o autor do conto ilustrado por Rafael Saldaña, lembra que xa hai dez anos a comisión decidira tirar do prelo un libro con fotografías antigas de Berres por ver de xuntar máis fondos para as festas que se celebran o último domingo de xullo. Foi un éxito pero unha segunda edición sería complexa, porque o material gráfico non sobra e porque limita moito o interese á parroquia.

Por iso agora optaron por un conto infantil, de interese para os nenos e con coidadas ilustracións do recoñecido Rafael Saldaña. E tamén inclúe unha escolma fotográfica daqueles barqueiros reais nas súas anchas lanchas, coa xente á que cruzaban o Ulla «para facer vida co outro lado»; e tamén daquelas barcas nas que se extraía area dos remansos do río, para empregar nas obras: «De aí ven o nome do Areal» explica Bernárdez referíndose á coñecida área de lecer onde se festexa unha das noites de San Xoán máis celebradas da bisbarra.

Álex Bernárdez fabula coa historia dun daqueles barqueiros, que un día se atopa mal traballando e vai ao médico. Recoméndalle repouso, e os seus amigos do río, os salmóns e a troitas, deciden botarlle unha man ata que poida regresar: serán eles os que exerzan de barqueiros, coa colaboración dunha rapaza e da mestría na industria da madeira da que sempre fixo gala Berres, que é quen de artellar un xugo deseñado para os peixes. Lorcho emociónase á súa volta ao traballo ao ver o que fixeran por el os peixes. A ficción de Bernárdez recolle tamén pasaxes da vida real, como o doutor que cruza o Ulla co seu cabalo na barca: «Esa é unha anécdota que recolle Reimóndez Portela no seu libro Un médico na aldea, que pasaba na barca».

Tirada de 400 exemplares

A obra, que ten unha tirada de 400 exemplares, pode mercarse xa en Marxe e O Copión, para contribuir ao Amparo. É o outro libro das festas, porque o tradicional de publicidade virá máis adiante. A comisión agradece a colaboración de todos os que o fixeron posible e tamén do Concello estradense.

Os berros cando os veciños chamaban polo barqueiro como posible orixe do topónimo

A filóloga Chus Nogueira, presidenta da Asociación Galega da Crítica, asina un artigo no libro sobre o nome da súa parroquia natal. Lembra que os máis vellos aínda acordan que «antes de viren os coches, as motos e os autobuses, adoitabamos cruzar o río nunha barca para ir a esoutro territorio que nós chamamos O Lado de Alá», de aí a importancia do barqueiro na vida cotiá. Sinala que é Berres «unha parroquia apegada a un río e levamos as súas augas na identidade e na memoria. É por iso polo que temos lugares que se chaman A Ribeira, A Barca ou A Reponta, e tamén unha praia coñecida como O Areal para que non se esqueza o que un día foi».

Sinala que de seguro por iso «sempre nos gustou explicar que a orixe do topónimo Berres, un chisco exótico se o comparamos cos do arredor, viña da forma berrar, isto é, do costume de berrar para chamar polo barqueiro cada vez que precisabamos cruzar o río».

Ou o nome dun xeneral francés

Engade Chus Nogueira que outras hipóteses recoñecen no topónimo a voz vasca berra. «Máis acaída para nós resulta a explicación que receitou o médico humanista Manuel Reimóndez Portela, quen tamén sae no conto, ao relacionar Berres co nome dun xeneral do tempo da francesada», co que sinala que de ser certo, a invasión francesa deixaría o nome do lugar, ademais dos populares Nei e Sul que levan moitos cans, e do colorido entroido da Ulla.