«Os detalles de Nadal son un xesto de agradecemento aos clientes»

As pequenas empresas son as que adoitan regalar pequenos obsequios nestas datas, destaca Rosa Toimil, de Don Bombón en Lalín


lalín / la voz

Decembro. Mes de luces, adornos e purpurinas. Xantares e ceas coa familia, amigos e compañeiros. Datas para agasallar. Os pais regálanlle aos fillos e os fillos aos pais. As parellas fan o propio entre elas. Os amigos ou os compañeiros de traballo apostan moitas veces polo «amigo invisible» e as empresas obsequian aos seus traballadores e clientes. Estamos sen dúbida ante o gran momento do ano para o comercio. Pequenos ou grandes detalles que comezan a escollerse nunha das festas máis populares cuxa orixe deste costume é unha mestura de tradicións precristianas, como a Adoracións aos Reis ou o día de San Nicolás. Son días de traballo para Rosa Toimil Cobas, unha lalinense residente en Vilatuxe dende fai trinta anos e nada en Sao Paulo (Brasil), que catorce anos atrás abriu no casco urbán Don Bombón; unha tenda de lambetadas especializada en detalles para Nadal, vodas, bautizos, primeira comuñón e aniversarios.

-Comezou coas lambetadas e despois foi ampliando o abano de propostas?

-Así foi. Primeiro foron as lambetadas e dous anos despois púxenme a buscar provedores de detalles que quería ter na tenda. O que máis me gusta dos detalles é facerlles eu o envoltorio, a decoración dos mesmos que mesmo poden parecer outra cousa.

-En que momento comezamos a pedir detalles para as datas de Nadal?

-Penso que catro anos atrás comezou isto e agora cada vez son máis os que buscan un detalliño para facer.

-¿Quenes mercan os detalles as empresas ou particulares?

-Os dous. Por unha parte están as empresas pequenas que mercan para os seus clientes e compromisos algún detalles. Normalmente se quen compra é un home vai a un detalle práctico como pode ser un chaveiro ou un bolígrafo. Se é unha empresaria o detalle irá máis cara un monedero ou un espello. Se falamos de particulares xa cambia totalmente o detalle e o que se pide últimamente son os centros de árbores con bombóns.

-E se falamos de agasallos entre compañeiros?

-As bolsiñas con bombóns, pequenas botelliñas de licores... é o que máis se vende aínda que hai para todos os gustos e non todos veñen a pedir o mesmo. Digamos que isto é a tendencia maioritaria. Nas ceas de Nadal que se organizan entre compañeiros tamén é moi habitual que veñan mercar bombóns para entregar ao final a cada un. Logo están tamén os grupos de profesionais, penso por exemplo nos profesores que tamén adoitan mercar uns paquetiños de lambetadas ou bombóns personalizados para os seus alumnos. Tamén hai quen pide sacos e botas cheos de lambetadas, pero son normalmente particulares os que os mercan. Os detalles de Nadal son un xesto de agradecemento aos clientes habituais ou de amizade e cada vez están máis en auxe. Ao mellor non se gasta moito pero o detalle sempre se aprecia.

-Mírase o prezo á hora de comprar ou xa non?

-Mírase o prezo bastante. Non tiramos a casa pola xanela. Non están aínda as cousas para iso! Regalar sí pero con moderación no prezo.

-Mostra tamén no andel artesanía de Buño, ¿pídese nestas datas coomo regalo?

-Certo é que tamén teño clientes que a mercan para Nadal pero é un número moito máis pequeno. Son aqueles aos que non lles importa gastar, que non miran o prezo final do detalle, que queren algo de Buño e punto. Digamos que é para un determinado cliente e sempre falamos de unidades contadas.

Aniversarios e bautizos. As bolsas de lambetadas seguen sendo as raíñas dos aniversarios e nos bautizos os marcos coa foto do bebé e detalles personalizados para homes e mulleres.

Clientela da zona e de fóra. Veciños de Antas de Ulla, Melide, Chantada e Deza figuran entre os clientes.

«O set de viño e o xarrón con flores foi o máis vendido para as vodas»

Os detalles non só teñen saída nestas datas senón que calquer gran acontecemento leva parello a entrega dun obsequio. Unha voda, bautizo, primeira comuñón ou aniversario conleva mercar un detalle para os convidados.

-Parece que é case obrigatorio. Outra cousa é, nestes casos, quen merca os detalles e o que se compra xa que as posibilidades son absolutamente infinitas e sempre van a gusto dos que os encargan.

-Que foi o máis pedido na pasada primavera-verán?

-O set de viño para os homes e o xarrón con flores e ambientador para mulleres foi o que máis se pediu para as vodas pero non quere dicir que a tendencia continúe, dun ano a outro hai moita variación nos encargos. Normalmente o que se busca é non gastar moito, quedar ben e que sexa algo bonito. Tamén hai quen se encapricha dun detalle en particular e non fai caso ao prezo, pero son os menos. Antes había moitas peticións de botelliñas de licores pero agora xa se busca algo máis útil.

-Falaba de encargos, ¿para este tipo de eventos é absolutamente obrigatorio?

-Claro. Pensa que os detalles veñen sen máis pero logo é preciso facerlles a decoración, a personalización de cada un deles... son moitas horas de traballo as que se empregan antes de facer entrega do resultado final. Para unha voda é preciso mes e medio de antelación como mínimo para os encargos, e se é no verán xa falamos duns dous meses ou dous e medio.

-De todo o que lle pediron, ¿que foi o máis difícil de atopar no mercado?

-Unhas botellas de efecto fogo. Eu nunca as vira, tiven que buscar provedor xa que non é un detalle de catálogo aínda que eu son de traballar sempre con mostras para que non haxa decepcións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Os detalles de Nadal son un xesto de agradecemento aos clientes»