Oito centros participarán os días 22 e 23 na Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

r. g.

O 24 haberá unha charla sobre o papel do mestre na recuperación do Entroido e o 25 unha ofrenda floral

17 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co terceiro cabodano do pasamento do mestre, escritor, investigador e dinamizador cultural Olimpio Arca Caldas, a asociación Vagalumes lembrará o seu legado coa celebración dunha semana de actividades culturais. Arrancará o vindeiro mércores, día 22, coa primeira das xornadas da segunda Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca Caldas. Nela participan oito centros de ensino estradenses. Organízase en dúas sesións e celébrase no teatro Principal, con entrada libre. A primeira sesión será o mércores 22 ás 18.30 horas. Os protagonistas serán os alumnos de catro centros de Primaria. O CEIP Cabada Vázquez de Codeseda poñerá en escena a obra O burro de Xan, o Pérez Viondi representará O galo e o raposo, o Figueiroa Contemplando unha estrela e o do Foxo O libro dos porcos. O xoves 23, á mesma hora, será o turno dos centros de Secundaria. O IES García Barros escenificará A min o que me gusta é o teatro, o IES Número 1 As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, o CPR Nosa Señora de Lourdes O mercador de Venecia e o IES Antón Losada As avelaíñas chamadas...

Vagalumes pretende institucionalizar esta mostra e proporá ós centros que a inclúan nas súas axendas educativas como evento fixo a finais de novembro.

Este ano a Semana de Lembranza de Arca Caldas centrarase na faceta do investigador como recuperador e impulsor do Entroido do Ulla. O venres 24 ás 20.30 horas o Mome acollerá unha mesa redonda na que se proxectará unha entrevista inédita sobre ese asunto realizada pola ANPA do CEIP Manuel Villar Paramá de Vea. Sobre a súa presenza en Vea e o Entroido destas parroquias falará Manuel Reices, un dos dinamizadores da actividade en Couso. Sobre o seu papel como mestre e a recuperación do Entroido no ensino intervirá o mestre Constantino Regueira, quen compartiu esta actividade con Arca no colexio de Figueiroa.

Os actos rematarán o sábado 25 cunha ofrenda floral ante a tumba do mestre no cemiterio de Figueiroa, ás 12.00 horas.