«Fariña conta a historia real do narcotráfico en Galicia nos 80»

amelia ferreiroa

DEZA

O actor lalinense protagoniza xunto a Javier Rey e Tamar Novas a nova serie con selo de Bambú Producciones

03 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O narcotráfico en España está protagonizando actualmente varias series de televisión e xurde agora outro proxecto no que o fío condutor é tamén o narcotráfico e as fazañas dos narcotraficantes na comunidade galega. Chámase Fariña e comezará a rodarse a vindeira semana. Estamos ante a nova serie que prepara Antena 3 e que conta no seu reparto cun elenco de actores da talla de Cristina Iglesias, Tamar Novas, Chechu Salgado, Javier Rey e o lalinense Fran Lareu. Un proxecto audiovisual que se basea no libro homónimo da autoría de Nacho Carretero.

-Semella que as historias de narcotraficantes copan máis dunha serie audiovisual nestos momentos...

-Parecerá que o narcotráfico está de moda pero este é un proxecto que lendo os guións te das conta que é impresionante. Fariña é unha serie que conta a historia real do narcotráfico en Galicia nos anos 80. É un produto moi coidado, unha producción que pinta moi ben e que ademais leva o selo de Bambú Producciones, que é galega pero que dende Madrid está sacando series impresionantes. Aí está o recente éxito de Velvet, por exemplo, e a diferencia deste proxecto respecto doutros sobre o narcotráfico é que vai contar algo real. Con Fariña se vai ver o problema que tivemos en Galicia e que non se coñecía.

-Unha serie que compartirá con Tamar Novas, Chechu Salgado, Javier Rey...

-Tiven ocasión xa de estar con Tamar Novas e Javier Rey ensaiando e a verdade é que moi ben. A sensación é impresionante.

-¿Onde está previsto rodala?

-A base de operacións está en Noia pero creo que se vai rodar por toda Galicia, en paraxes naturais e por boa parte das Rías Baixas.

-¿Como acolle o formar parte deste proxecto?

-Con ilusión e ganas. Supón un paso máis. Un paso grande. Son ocasións para aproveitar e non deixalas escapar xa que ata agora non tiven unha destas características. Agora só hai que facer ben o traballo!

-Non é no único proxecto no que anda mergullado.

-Non. Estou tamén cunha película para Televisión de Galicia sobre Rosalía de Castro e Manuel Murguía que se emitirá en dous capítulos. Somos dous protagonistas e eu encarno a Manuel Murguía na época en que se namora de Rosalía.

-Un personaxe coñecido históricamente, ¿como está sendo a rodaxe?

-Manuel Murguía foi un personaxe de todos coñecido polo que o difícil é o xeito de tratalo na película. A rodaxe é dura xa que estamos metidos no século XIX, co vestiario daquela época, moito texto antigo ao que lle hai que dar profundidade e estase facendo duro pero moi gratificante. É unha película na que se verá unha Rosalía de Castro alegre e feminista que se namora de Manuel Marguía, dous grandes personaxes con cerebros prodixiosos.