As «Fiadeiras de Zobra», á mostra internacional de cine

La Voz

DEZA

Organizada polo Museo do Pobo Galego co gallo do seu corenta aniversario

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A duodécima edición da Mostra Internacional de Cinema Etonográfico, que organiza o Museo do Pobo Galego co gallo do seu corenta aniversario, inclúe a proxección hoxe do documental «Fiadeiras de Zobra», producida por Deza Cine Galego. No Salón Teatro da Rúa Nova de Santiago ás 19.30 horas poderá visionarse esta película que foi rodada enteiramente na parroquia lalinense de Zobra, cuxo guión e dirección é da autoría do lalinense Daniel González Alén namentras que o seu irmán Xesús se entregaba ás tarefas de grabación deste documental de catorce minutos de duración no que se recolle o proceso de cultivo e tecido do liño que xa por aqueles anos de grabación, no ano 1981, ía segundo Daniel González «polas últimas».

Esta película que foi unha das últimas producida por Deza Cine Galego xa mereceu o primeiro premio «Filme de Ouro», no Festival Internacional de Cine de Vilagarcía de Arousa do ano 81 e sería proxectada posteriormente en centos de localidades galegas. Un documental que atesoura a esencia da aldea e do meticuloso proceso de cultivo e tecido do liño que fora rodado en super 8, e que na actualidade se pode ollar dixitalizada.

De feito a metade das películas producidas por Deza Cine Galego xa se atopan en dito formato. «Fixemos doce películas e seis están dixitalizadas. Eran traballos nos que se perdía moi pouca película polo seu elevado custe. Podíamos estar falando dunhas 50.000 pesetas sen contar cámaras, pero nós autofinanciabámolas con premios e convenios», dixo.