Fortín amosa no Azaloira bailes que interpretará en Canéjan

amelia ferreiroa

DEZA

O certame de baile tradicional xuntará a doce agrupacións no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O baile tradicional voltará a protagonizar unha das citas anuais que logra encher o auditorio Manuel Dopazo da Bandeira. É a cita co certame Azaloira, que promove a agrupación Fortín da Pomba, e que se celebrará mañán a partires das 18.30 horas. Dezasete anos de certame que xuntará nesta ocasión a unha ducia de agrupacións galegas, «algunhas das mellores do panorama galego coma sempre, nun certame no que tivemos que deixar agrupacións fóra por falta de espazo. Para darlles cabida a todos precisabamos de tres auditorios», explicou a presidenta de Azaloira Josefa Ferreiro que adiantou que o colectivo xa traballa no que será o vixésimo aniversario do certame. «Aínda nos faltan uns anos para o vinte aniversario pero moitos bailaríns nos pieden que se faga algo especial e farase».

A formación aproveitará o certame de mañán para dar a coñecer as pezas que posteriormente levará á localidade francesa de Canéjan. «Estamos moi ilusionados co Azaloira e tamén co desprazamento a Francia que será o primeiro para a formación no país galo. Presentáronnos un programa espectacular no que coñeceremos a Aquitania, Burdeos e actuaremos xunto con grupos de Hungría e Italia que a intención é poder desenvolver posteriormente algún intercambio con ambas formacións, sempre que o concello nos axude xa que non dispoñemos de fondos suficientes para acometelos».

Antes dos desprazamentos tempo para disfrutar dos grupos da Asociación Rosalía de Castro de Cacheiras, Os Xeitosos de Trazo, Cantigas e Agarimos de Santiago, Seixebra de Moraña, Loaira de Lestedo e Debandoira que competirán mañán para facerse con algúns dos codiciados premios do Azaloira nas dúas categorías nun concurso no que se repartirán 1.950 euros en premios.