Xosé Luna compila preto dun cento de artigos xornalísticos en «Da lectura e outras cousiñas»

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

A presentación terá lugar o día 3 na Cidade da Cultura en Santiago

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor e mestre estradense Xosé Luna vén de tirar do prelo un libro que compila preto dun cento de artigos xornalísticos, co título Da lectura e outras cousiñas (Edicións Embora). A presentación será o vindeiro 3 de xuño, sábado, na Cidade da Cultura compostelá, e contará no acto coa Coral Polifónica de Berres, «unha parroquia que sempre me acolleu moi ben, e unha coral que xa nos acompañara na inauguración da biblioteca en Guimarei», que leva o nome do escritor.

O libro está adicado a Xosé Neira Vilas, autor do prólogo da publicación no que glosa «a dinámica exemplar de Xosé Luna» e que asina en Gres en setembro de 2015, pouco tempo antes do seu falecemento. Os primeiros cinco artigos recibiron o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela, e o cabeceiro é unha reflexión sobre a finalidade suprema da lectura: pensar e sentir co escritor para interpretar o escrito, sinala Luna facendo súas as palabras do pedagogo cubano Esteban Borrero.

E de pensamentos e sentimentos vai este traballo de Luna Sanmartín: «Este é un libro íntimo, de amigos. De distancias curtas, de escribir en poucos caracteres. Este libro, son eu, a miña vida». Un libro con lembranzas estradenses, que fala de libreiros como Pepe da Faro ou Maceira; de xente que marchou pero sigue presente como María Porto Puente, Manuel Regueiro, o pintor Paco Lareo, Pousa Antelo ou Olimpio Arca, «que foi o meu mestre, non no académico pero si na literatura e na vida». E fala doutros amigos como Varela Cives, Carlos Loureiro, Manoele de Felisa, e deportistas como Álex Marque e Valerón, porque «o fútbol sempre tivo moito que ver coa literatura», e lembra as tardes bonaerenses de Neira Vilas para ver a San Lorenzo, compartindo bancada co arxentino Bergoglio, que andando os anos é o Papa Francisco.