O Matemático Xosé Rodríguez será nomeado Fillo Predilecto de Lalín

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Bermés acolleu a ofrenda floral na adicatoria do Mes da Ciencia en Galego

18 nov 2014 . Actualizado a las 05:20 h.

Bermés, a parroquia natal do matemático Xosé Rodríguez González, acolleu onte unha ofrenda floral ante o busto levantado no campo da festa na súa memoria, como primeiro dos actos pola adicatoria do Mes da Ciencia en Galego por parte da Consellería de Cultura e Educación. Unha celebración na que o alcalde de Lalín, Crespo Iglesias, anunciou que levará a pleno no mes de decembro unha proposición para nomear a Xosé Rodríguez ?que ten en Lalín unha das rúas centrais? como Fillo Predilecto: será despois de colocar unha placa na súa casa natal, en Bermés, unha iniciativa xa pactada cos seus descendentes. Crespo suliñou a valía científica e a liberdade vital do insigne matemático, nado en Bermés en 1770 e falecido en Santiago en 1824, así como o recoñecemento internacional que acadou xa na súa época.

Tamén o conselleiro Xesús Vázquez lembrou que Rodríguez González naceu nunha familia humilde, e mesmo tivo dificultades económicas para rematar os seus estudios, pero despuntou entre os científicos do seu tempo, aberto ao mundo e aos avances da ciencia. Vázquez destacou a celebración da Ciencia en Galego como ferramenta para amosar que «aquí tamén facemos ciencia de calidade e que temos unha lingua tan válida coma calquera outra para a investigación e a divulgación científicas». Nese senso, insistiu en que «canto máis usemos o galego para a ciencia, máis acaído será para desenvolvela porque ao igual que noutros idiomas se fata un termo para nomear un fenómeno que se acaba de descubrir ou un aparato que se acaba de crear, o galego ten na súa estrutura gramatical procedementos abondos para construílo».

Pola súa banda, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, destacou a homenaxe a Xosé Rodríguez, a quen loubou como «unha auténtica referencia, un home enciclopédico como todos os ilustrados», que foi unha autoridade en disciplinas como a xeodesia, a astronomía ou a mineraloxía. Ríos falou ademais da importancia da ciencia no progreso, reafirmando a aposta pola ciencia como unha aposta polo futuro.

Na homenaxe de Bermés acompañaron aos oradores o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o xefe territorial de Educación, César Pérez; o concelleiro e deputado Román Rodríguez e a concelleira de Cultura Marisa Álvarez; tamén asistiron o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo, e o xornalista e historiador Armando Vázquez, impulsor do busto que lembra ao matemático na súa parroquia, lembrou Crespo, así como familiares do matemático e veciños da parroquia.

No colexio de Cercio

A continuación, a comitiva ?a excepción do conselleiro? desprazouse ao colexio de Cercio, onde un actor caracterizado como representante do zar ruso Alexandre I relatou a historia do ofrecemento ao científico lalinense da dirección do observatorio de San Petersburgo, que Rodríguez rexeitou. Dun xeito ameno e didáctico, introduciu ao alumnado en cuestións como a rotación da terra.