«Competimos en desigualdade de condicións cos asiáticos. A nós se nos esixe, e moito»

La Voz

DEZA

27 jul 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

A Cooperativa Puntosandra, que emprega a unha vintena de mulleres da comarca, conta actualmente cunha importante carga de traballo. Das instalacións de Filgueira saen diariamente máis de mil prendas.

-Traballamos ben pero é importante salientar que o estamos a facer ao mesmo prezo que os asiáticos, por exemplo, pero con distinta calidade. Competimos con eles pero en desigualdade de condicións. A nós se nos esixe, e moito. Aquí non vale tentar evadir impostos. Hai que estar ao día. As empresas non están levando para fóra o traballo, ¿para que? Xa nós o facemos ao mesmo prezo que o fan os asiáticos para manternos aí.

-¿Tiveron que diversificar e ampliar a produción?

-A nosa cooperativa é de prendas de punto. Facemos artigos de muller, home e tamén para nenos. Logo, dependendo do que nos piden elaboramos o produto. Hai quen nos solicita prendas totalmente acabadas e mesmo sobre as que hai que facer o embolsado. Depende. Adaptámonos ao que nos pide o cliente. Traballamos segundo a necesidade da empresa.

-¿Controlan a elaboración da prenda dende que entra na cooperativa ata que sae?

-Claro. Contamos cunha folla de ruta de cada unha das prendas que entra e, en todo momento, imos a ser quenes de saber que operaria traballou sobre a mesma. É preciso manter ese tipo de control xa que se unha prenda é devolta, que non soe ser o caso, podemos saber con exactitude onde se puido cometer o erro. Xa digo que o habitual non é que nos volten a mandar as prendas pero é necesario contar cun control de todo o que se fai e quen o fai, sexa quen sexa.

-¿Despois de tantos anos adicada a este sector non está dentro dos seus proxectos o sacar unha marca propia?

-É a miña gran ilusión pero non creo que se poida materializar. Para poñer en marcha un proxecto coma ese se precisaría de máis maquinaria, de diseñadora... Os tempos non están agora mesmo para fecer fronte a grandes inversións. A nosa filosofía aséntase en manterse a flote, en traballar, dar unha resposta satisfactoria e profesional ao que nos piden e nada máis. Contamos cun bo equipo, entendémonos xenial entre todas, todo o mundo é responsable do seu papel... Polo entendemento é polo que isto funciona.