«A ferramenta era cara e pagábase a prazos»

La Voz

DEZA

15 jun 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Centos de pantalóns sairon das expertas mans de Carmen quen recoñece que leva anos sen facer un. «Agora cos problemas que teño de vista non estou para coser», sentencia Carmen de Buxán. O que atesoura son vellas máquinas de coser que mantén no local no que tantas horas compartiu coas súas alumnas, algunha máquina de escribir antiga e históricos reloxos.

-¿Cales foron as primeiras máquinas de coser que mercaron?

-Lémbrome que as primeiras que nos chegaron aquí eran da marca Sigma. Virían posteriormente as tamén coñecidas Refrey, Alfa pero por exemplo das Singer -que tamén son ben coñecidas polo público en xeral- non tivemos moitas.

-Máquinas que tiñan á venda, ¿non?

-Si. Vendiamos as máquinas e tamén lles ensinabamos ás rapazas a manexalas. Faciamos as dúas cousas.

-¿Canto podía custar unha nova?

-A máquina era cara e xeralmente págase a prazos. Pensa que unha nova podía supor un desembolso de máis de 60.000 pesetas daquelas. Eran moitos cartos naqueles anos e non quedaba outra máis que ir pagándoa aos poucos. Unha máquina usada rondaría as 10.000 pesetas e había algunhas que estaban moi, moi ben.

-¿Cal é a máis vella que mantén aínda no taller?

-Gardo varias máquinas que foron quedando por aquí... Penso que a máis antiga pode ser unha Naumann, hai tamén unha Refrey, unha Singer... Algún reloxo de grandes dimensións tamén foi quedando por aquí e aínda o conserva malia que me supón bastante traballo ao ter que subirme a unha escaleira para dárlle cuerda ou poñelo en hora.

-¿Como estaba artellado o taller anos atrás?

-Pois máis ou menos como se pode ver agora pero con moitas máis máquinas claro. Creo lembrar que tiñamos catorce postos, con outras tantas máquinas, en filas que é onde estaban as mulleres aprendendo a bordar e unha vez que acadaban as nocións precisas, e se defendían por si mesmas, era cando se ían a traballar ás fábricas ou os seus propios fogares.