Catro grupos dezaos, na décima Foliada de Melide

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

Xirandola actuará na Praza das Coles, no Serán que xuntará a quince grupos.
Xirandola actuará na Praza das Coles, no Serán que xuntará a quince grupos. marcos míguez< / span>

Agrupacións de Silleda e Agolada actuarán este sábado

22 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Melide volta a prepararse para encherse de sons e troula. Chega a décima edición da súa Foliada que se desenvolverá do 25 ao 27 de abril. Tres xornadas para disfrutar de actuacións musicais, animación de rúa, xogos populares e dunha ampla mostra de artesanía e instrumentos que se poderá ollar dende o sábado pola mañá, na Praza do Convento.

Unha foliada que se abrirá o venres ao fío das oito da tarde cun pasarrúas que dará a Banda de Gaitas da Terra de Melide, ao que lle seguirá unha actuación da devandita banda na Casa da Cultura da localidade xunto cun espectáculo de música e baile de A Maristela no mesmo emprazamento. Pero, sen dúbida, os días grandes desta décima Foliada de Melide se concentrarán nas xornadas de sábado e domingo. O grupo agolense de Bico da Balouta ten previsto ofrecer unha actuación o sábado, na Praza do Covento ás cinco da tarde, mentras que as agrupacións silledenses de Pau de Buxo, Os Gaiteiros da Pereiriña e Xirandola tomarán parte no Serán, na Praza das Coles, xunto ás formacións locais Herba Grileira e Pozo Pequeno, Fiadeira (Antas de Ulla), O?Briceguelo e Vide Preto de Arzúa, O Bingo Birón e Gaiteiros do Balado de Toques, A Rexouba (A Coruña), Fol da Chousa (Santiso), A Maristela (Sobrado), Airiños Galegos Doce Albor (Santurtzi) e A Casa da Troula de Rekalde.

Por mor dos dez anos de celebración desta celebración festeira, no baixo do concello abrirase o día 26, ás 11 da mañán, unha mostra expositiva baixo o título de «10 anos de foliada» no que se colgarán algunhas das mellores instantáneas que reflicten o que foi o evento no decorrer dos anos. Salientable desta nova edición da foliada é tamén o Concurso de Cantos de Taberna, que vai polo seu sexto ano, e no que dezaséis grupos tomarán parte nun concurso que naceu no 2009 e que se ven desenvolvendo pola zona dos viños da vila melidense.

Os organizadores da Foliada de Melide apostaron novamente nesta ocasión por dar cabida a actuacións infantís a cargo de Titereficciós que escenificará «Cantos contos contas» e «Construimos un teatriño de títeres» na Capela de Santo Antón e por concertos nocturnos. O sábado estará Anxo Lorenzo, Magnifique Bande e Cé Orquestra Pantasma, e o domingo Caxade e Radio Cos.