«Despois de moito ensaio veñen certames e saídas»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

DEZA

Alejandro Piñeiro, director da Coral Polifónica de Agolada. A formación competirá en Arbo o 26, actuará en Carral e Vila de Cruces e ten previsto viaxar a Extremadura

11 abr 2014 . Actualizado a las 08:00 h.

Trala marcha da cubana Sandra Nasher, dende o pasado mes de decembro, o músico lalinense Alejandro Piñeiro dirixe a Coral Polifónica de Agolada que afronta nos vindeiros meses unha morea de compromisos espallados pola xeografía galega e mesmo fóra da autonomía.

-¿Satisfeito da evolución da formación?

-A miña primeira toma de contacto coa coral foi o pasado 20 de decembro, e foi positiva, polo que se oficializou a miña pertenza á formación o 5 de xaneiro co Concerto de Reis. Realmente o meu primeiro gran reto como director da coral agolense será o Certame de Corais Vila de Arbo, que se celebrará o vindeiro día 26. A realidade é que despois de moito ensaio veñen agora certames, concertos e saídas.

-¿Á procura dun premio no certame de Arbo?

-Participar é xa un premio, como lles digo aos coralistas. É a segunda edición deste certame pero o nivel que hai é moi importante e estamos preparando as obras que imos a cantar. A obrigatoria, «Negra Sombra» de Xoán Montes, cantámola por primeira vez o pasado sábado en Lalín na xuntanza de corais e é unha obra complicada. Como presentación levaremos «La reina del placer» de Xavier Montsaltvage, a de libre elección será «En busca de un sueño» de Silvio Rodríguez e hai que interpretar un tema en galego que nós apostamos por «Soidades», de Francisco Rey.

-No mes de maio irán a Carral e, en xuño, actuacións en Vila de Cruces e Agolada...

-O concerto de corais en Carral está fixado para o 24 de maio e penso que logo os de Carral virán a cantar a Agolada, estaremos en Vila de Cruces actuando no auditorio o 14 de xuño e o 28 dese mesmo mes será o concerto de corais en Agolada. No medio non sei se xurdirán outras actuacións e o que estamos a preparar un desprazamento a Extremadura.

-¿A data está pechada?

-Probablemente será en outono. A viaxe será á localidade de San Martín de Trevejo, vila que xunto coas veciñas de Valverde del Fresno e Eljas, manteñen «A Fala» que foi recoñecida pola Unión Europea e a Junta de Extremadura. Estou moi ilusionado con ese desprazamento xa que estiven traballando alí ao longo de oito anos. O certo é que me fai moita ilusión.

alejandro piñeiro director da coral polifónica de agolada