«Tentaremos implicar ao tecido empresarial nisto»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel Villar, empresario silledense, recén nomeado presidente da Fundación Amigos de Galicia

25 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A asemblea xeral da Fundación Amigos de Galicia nomeou o pasado sábado ao empresario silledense Miguel Villar Costoyas novo presidente da entidade. Directiva, na que repiten nos cargos de secretario, Antonio Costa Sánchez así como o vicepresidente por Pontevedra Rafael Mourelos Rodiño. O novo tesoureiro é o vigués Francisco Vázquez Núñez. Con sorpresa acolleu Miguel Villar a súa designación por unanimidade.

-¿Que lle supón este novo cargo?

-Ao principio moita sorpresa xa que non me esperaba este nomeamento. O certo é que manteño unha boa relación co director xeral da entidade, Jesús Busto, e foi quen me dixo que me debería de presentar. A miña reacción foi de rexeitamento pero ao asegurarme o director xeral que só era para completar a lista pois aceptei. Finalmente, e despois de que os patronos valorasen os currículos, apostaron por designarme presidente; cousa que non esperaba. Agora toca traballar. Prantexéime ser útil. Nunca me gustou estar de floreiro en ningún sitio e aquí tampouco pretendo selo.

-¿Cal é a finalidade desta fundación galega?

-A Fundación Amigos de Galicia conta con 27 anos de traballo as súas costas e a finalidade última desta oenegé é que non haxa ningún neno que esté discriminado pola falta de medios. Na fundación hai colaboracións moi importantes como é o caso, por exemplo, de Adolfo Domínguez que suministra toda a roupa precisa para estes casos. Xente moi xenerosa e moi colaboradora haina en toda Galicia, e tamén nesta zona, pero tentaremos agora implicar ao tecido empresarial nisto. Esta mesma semán celebraremos unha xuntanza da directiva na que nos prantexaremos algunhas accións a desenvolver.

-¿Haberá rolda de reunións con alcaldes ou responsables de servizos sociais da zona?

-A Fundación Amigos de Galicia traballa cos departamentos de servizos sociais dos concellos. Eles son quenes nos comunican as necesidades e nós tentamos axudar pero tamén imos pedir a colaboración e a implicación dos concellos neste proxecto que estamos a desenvolver en Galicia.

-A fundación colabora con concellos e asociacións sen ánimo de lucro, ¿notan unha disminución respecto das chamadas de axuda?

-Non creo que sexamos quenes de acabar con todos os problemas que hai en Galicia pero a fundación está para rebaixar a carga. Ogallá que non tivésemos que estar operando; significaría que non existirían necesidades.

miguel villar presidente da fundación amigos de galicia