Unha singular experiencia educativa na Estrada

J. Andrés Fernández

DEZA

29 ene 2014 . Actualizado a las 14:30 h.

Aínda que non é o habitual, en ocasións a prensa resérvanos gratas sorpresas, magníficas e alentadoras noticias, como a da concesión dun premio de innovación educativa a un grupo de alumnos do Instituto Manuel García Barros da Estrada. O proxecto, que dirixe Álvaro Pérez Vilariño, leva o significativo nome de Dives Gallaecia, a rica Galicia, expresión da que se vale o escritor latino Silio Itálico para denominar a aquel afastado recanto do fin do mundo onde os mozos bailaban nas noites de plenilunio batendo a compás os seus redondos escudos guerreiros. Engade Silio que tamén eran destros na adiviñación polo voo das aves, o que trae á miña memoria unha pasaxe do filme Gladiator, do director Ridley Scott, brevísima escea de apenas tres segundos que habitualmente pasa desapercibida. Pouco antes de iniciarse a batalla de Vindobona, o xeneral romano Máximo Décimo Meridio observa atentamente un paparrubio que acaba de erguerse no aire e logo sorrí satisfeito, seguro da victoria que lle agoira o paxariño.

Todo isto, e moito máis, sábeno estes afortunados alumnos do instituto da Estrada e os seus profesores, dignos herdeiros da tradición humanística de aqueles dos que un día fun discípulo, José Sánchez Reboredo, Raúl Souto Castelo, Antonio Porta de la Encina e Adolfo Baloira Bértolo, excelso latinista que os alumnos de letras denominabamos co cariñoso apelativo de Ataúlfo. Da súa man iniciámonos na tradución e lectura de textos clásicos de César, Salustio, Tito Livio, Cicerón e certos fragmentos da Punica de Silio Itálico onde se fai referencia a Galicia, a esta Dives Gallaecia que me trouxo a saudosa evocación dos tempos idos e daqueles vellos profesores.

Moito cambiaron as cousas desde entonces. A lingua e cultura clásica, a música e as artes, a filosofía, disciplinas vinculadas á esencia mesma das persoas e aos seus valores fundamentais, foron paulatinamente arredadas dos currículos escolares ata vérense reducidas a un mero testemuño. E na universidade, o plan Bolonia foi concebido para formar persoas orientadas á empresa e o mercado, sacrificando os estudos onde se reflexiona sobre a condición humana e as glorias da civilización. Xa moitos se lamentan ao comprobar, decepcionados, que a supresión dos contidos humanísticos alonxa ás persoas das súas raíces, róuballes o pasado, esvae a súa sensibilidade e debilita a conciencia de integración na comunidade cultural europea, forxada ao longo dos séculos en torno a tres ideais: a filosofía grega, o idioma latino e a relixión cristiana.

Contrasta esta mezquiña actitude das autoridades educativas con algunhas iniciativas de países como Gran Bretaña, Alemania ou Finlandia, onde os idiomas clásicos se cultivan con esmero dentro e fóra das aulas e se emiten programas informativos en latín, lingua que, durante o mandato finés da UE, se propuxo como idioma cooficial europeo. En España unha emisora de radio de Antequera mantén un servicio de noticias no idioma de Cicerón e tamén nesta lingua leva tatuadas algunhas frases o mesmo David Beckham.

Conforta saber que un grupo de profesores e estudantes da Estrada mantén vivo o espíritu humanista e compaxina o emprego das máis avanzadas tecnoloxías da información e da comunicación co cultivo da cultura clásica e do latín, que renace cada día na lingua que falamos. Eles non se turban cando un ignorante os califica de idealistas e anticuados porque gozan coa lectura dos relatos mitolóxicos ou se estremecen levemente ao recitar algún poema de Virxilio, un dos praceres máis altos desta vida; serán frecuentemente incomprendidos e tachados de románticos soñadores mais nada lles importa porque saben que en toda esa beleza alenta o pensamento.