Unha singular experiencia educativa na Estrada


A Estrada

Aínda que non é o habitual, en ocasións a prensa resérvanos gratas sorpresas, magníficas e alentadoras noticias, como a da concesión dun premio de innovación educativa a un grupo de alumnos do Instituto Manuel García Barros da Estrada. O proxecto, que dirixe Álvaro Pérez Vilariño, leva o significativo nome de Dives Gallaecia, a rica Galicia, expresión da que se vale o escritor latino Silio Itálico para denominar a aquel afastado recanto do fin do mundo onde os mozos bailaban nas noites de plenilunio batendo a compás os seus redondos escudos guerreiros. Engade Silio que tamén eran destros na adiviñación polo voo das aves, o que trae á miña memoria unha pasaxe do filme Gladiator, do director Ridley Scott, brevísima escea de apenas tres segundos que habitualmente pasa desapercibida. Pouco antes de iniciarse a batalla de Vindobona, o xeneral romano Máximo Décimo Meridio observa atentamente un paparrubio que acaba de erguerse no aire e logo sorrí satisfeito, seguro da victoria que lle agoira o paxariño. Todo isto, e moito máis, sábeno estes afortunados alumnos do instituto da Estrada e os seus profesores, dignos herdeiros da tradición humanística de aqueles dos que un día fun discípulo, José Sánchez Reboredo, Raúl Souto Castelo, Antonio Porta de la Encina e Adolfo Baloira Bértolo, excelso latinista que os alumnos de letras denominabamos co cariñoso apelativo de Ataúlfo. Da súa man iniciámonos na tradución e lectura de textos clásicos de César, Salustio, Tito Livio, Cicerón e certos fragmentos da Punica de Silio Itálico onde se fai referencia a Galicia, a esta Dives Gallaecia que me trouxo a saudosa evocación dos tempos idos e daqueles vellos profesores.

Moito cambiaron as cousas desde entonces. A lingua e cultura clásica, a música e as artes, a filosofía, disciplinas vinculadas á esencia mesma das persoas e aos seus valores fundamentais, foron paulatinamente arredadas dos currículos escolares ata vérense reducidas a un mero testemuño. E na universidade, o plan Bolonia foi concebido para formar persoas orientadas á empresa e o mercado, sacrificando os estudos onde se reflexiona sobre a condición humana e as glorias da civilización. Xa moitos se lamentan ao comprobar, decepcionados, que a supresión dos contidos humanísticos alonxa ás persoas das súas raíces, róuballes o pasado, esvae a súa sensibilidade e debilita a conciencia de integración na comunidade cultural europea, forxada ao longo dos séculos en torno a tres ideais: a filosofía grega, o idioma latino e a relixión cristiana.

Contrasta esta mezquiña actitude das autoridades educativas con algunhas iniciativas de países como Gran Bretaña, Alemania ou Finlandia, onde os idiomas clásicos se cultivan con esmero dentro e fóra das aulas e se emiten programas informativos en latín, lingua que, durante o mandato finés da UE, se propuxo como idioma cooficial europeo. En España unha emisora de radio de Antequera mantén un servicio de noticias no idioma de Cicerón e tamén nesta lingua leva tatuadas algunhas frases o mesmo David Beckham.

Conforta saber que un grupo de profesores e estudantes da Estrada mantén vivo o espíritu humanista e compaxina o emprego das máis avanzadas tecnoloxías da información e da comunicación co cultivo da cultura clásica e do latín, que renace cada día na lingua que falamos. Eles non se turban cando un ignorante os califica de idealistas e anticuados porque gozan coa lectura dos relatos mitolóxicos ou se estremecen levemente ao recitar algún poema de Virxilio, un dos praceres máis altos desta vida; serán frecuentemente incomprendidos e tachados de románticos soñadores mais nada lles importa porque saben que en toda esa beleza alenta o pensamento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
55 votos

Unha singular experiencia educativa na Estrada