«Esperabamos promoción, pero non chegar a canción do verán»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

R. G.

O seu tema«Ei xabarín» foi elixido coma o mellor galego da tempada

25 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O tema Ei xabarín, incluído no disco Porcocán, o último traballo do grupo estradense Esquíos, vén de ser elixido a canción do verán en Galicia. O título concédello o concurso Vas sacar nota, promovido pola Radio Galega. Neste espacio radiofónico elíxense cada ano os dous temas do verán galego: un votado por un xurado profesional e outro polo público. Esta vez o xurado quedouse co tema do grupo estradense, que en xuño tivo que suspender a xira de presentación do seu disco pola morte repentina do seu vocalista, Miguel Castro, Moro.

-Supoño que é unha boa homenaxe a Miguel Castro...

-Está claro. Ogallá el puidera velo. El formou parte dese disco e é o cantante... Cando nos deron a noticia e nos chamaron da Radio Galega, Jorge [en alusión ó guitarrista do grupo, Jorge Rodríguez] emocionouse en antena ...

-¿Víanse coma autores da canción do verán?

-Foi bastante sorpresa. Participabamos todos os anos, pero non contabamos con gañar. A intención era darnos a coñecer, que a xente nos escoitase. Esperabamos promoción, pero non chegar a canción do verán.

-Para quen non o escoitara, ¿de que vai o tema?

-É un tema de música rock, bailable e cun estribillo pegadizo. A letra é de Jorge Rodríguez e vai con doble sentido, cada un pode interpretala como queira. É das cancións do novo disco que máis lle gustan á xente.

-O disco está dispoñible en descarga directa e gratuita ¿por que?

-Non tiñamos pensado poñelo en descarga directa nin de broma, por moitas razóns. Nun principio, a descarga costaba 5 euros. Non era caro. Pero despois do de Miguel quixemos que ese traballo conxunto chegara ó máximo de xente posible, que o escoitara todo cristo...

-¿Cómo se recompón a banda?

-O primeiro ensaio foi moi estrano. Estabamos os tres solos [o batería, o guitarrista e o baixista, Pedro Dono] porque quedaramos para ver se seguiamos co grupo ou non. No local temos fotos e sempre se che vai a vista a mirar para Miguel... Tocamos uns temas, pero era unha especie de querer e non poder.

-E ó final decidiron seguir...

-Hai que tirar para diante. Temos que volver a empezar casi de cero. So imos quedar os dous Jorges. O baixo vai marchar a Madrid e vai entrar Xosé Maceira, que antes tocaba con Nao. Temos tamén uno novo cantante, Adrián Gañete, Patuco, e un guitarra novo, Manuel Rodríguez. Levamos cinco ou seis ensaios pero a cousa ten boa pinta. Estamos con máis ganas ca nunca.

-Ademáis do concerto-homenaxe a Miguel Castro na Estrada do 7 de setembro, ¿que outros proxectos teñen na cabeza?

-Ó gañar o concurso creo que temos varios concertos de pago e algunhas horas de estudio para grabar. O primeiro vai ser tentar recuperar a xira de presentación de Porcocán, que está recén saído. No futuro seguramente tentaremos grabar outro disco.

entrevista jorge iglesias, batería do grupo estradense esquíos