«Hai que estar moi áxiles para dar resposta aos problemas da xente»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca LALÍN / LA VOZ

DEZA

Concelleira en Dozón dende 2011, integraba xa o Consello Nacional

17 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Mar Vila López (Dozón, 1979) é unha das novas incorporacións á executiva do BNG proposta o pasado sábado polo Consello Nacional para a súa ratificación hoxe na asamblea da formación frentista en Santiago. É licenciada en Ciencias Políticas e da Administración, e concelleira do BNG na corporación municipal de Dozón dende o ano 2011.

-¿Cando entrou en política?

-Eso é moi relativo, xa antes de ir á universidade; dun xeito máis activo, para conformar cos compañeiros de Dozón a primeira candidatura do BNG nas municipais de 1999.

-¿Pode sorprender que dende un concello tan pequeno chegue á executiva nacional?

-Pois non. En política sempre seguín o de pensar a nivel global e actuar a nivel local. É un orgullo para a comarca que agora mesmo un bo número de xente destes concellos esteamos aí, como Ana Miranda ou Saleta Chao de Cuntis, Goretti Sanmartín da Estrada, ou Xavier Vence de Rodeiro. Penso que imos aportar bastante a nivel organizativo ao BNG. Despois da traxectoria destes últimos anos propuxéronme para o Consello Nacional, e agora para a executiva, espero estar á altura das circunstancias.

-¿Chega nun momento difícil á executiva?

-Non máis que outros momentos. No traballo organizativo todos os momentos son complicados. A nivel de acción social, si, hai que estar moi áxiles para dar resposta aos problemas da xente, e é certo que costa máis chegar á cidadanía. Pero hai dinámicas de traballo moi boas nesta organización, por iso unha persoa con menos experiencia pode aceptar, porque xa hai grupos de traballo para encauzar o labor político a nivel social e nas distintas institucións.

mar vila lópez integrante da executiva nacional do bng