«Pedigree», segundo premio no certame de cinema de Ourense

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Miguel Carbajal, con parte do equipo que fixo posible a curta, no momento de recoller o premio.
Miguel Carbajal, con parte do equipo que fixo posible a curta, no momento de recoller o premio. s. m. amil< / span>

Carbajal cre que é un gran recoñecemento ao traballo feito

07 nov 2012 . Actualizado a las 04:00 h.

O equipo de traballo que creou a curta Pedigree, con Miguel Carbajal á cabeza, agardaba onte no Auditorio Municipal de Ourense a entrega de premios da cuarta edición do Certame de Cinema OUFF Escola, un concurso de cinema escolar convocado conxuntamente pola Xunta, o Consorcio para o Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) e a Concellería de Normalización Lingüística ourensana. E para eles foi o segundo premio na categoría de Secundaria por esta obra de vinte minutos creada no Taller de Creación Artística do IES Manuel García Barros da Estrada.

Carbajal indicaba que o premio «colleunos como te colle sempre, con certa sorpresa. Sempre é difícil que se cole un traballo de animación entre outros que non o son», suliñou. E non era fácil, porque na categoría de Secundaria eran un total de 46 traballos a concurso.

Carbajal, director e guionista da curta, valoraba o galardón como «un recoñecemento moi grande ao traballo feito», que implicou a dezaséis alumnos do instituto estradense dos bacharelatos artísticos ?artes escénicas e musicais, e artes plásticas e visuais?: catorce deles ?algún xa estudante de Audiovisual? acudiron onte a Ourense, só faltaron os dous que cursan as súas carreiras universitarias en Madrid. O profesor lembraba que a curta, que contou coa colaboración dos profesores Pura Torres, Xoán Xosé Pérez e Carlos Loureiro, tamén acadou o Premio a la Acción Magistral na comunidade galega polos valores que transmite.

Parón como protesta

Preguntado polo traballo do prolífico e exitoso taller de creación artística do García Barros, Carbajal sinalaba que na actualidade non se está realizando ningunha obra aínda que ten proxectos en mente e máis de un guión escrito. Unha situación que se produce como sinal de protesta coa situación educativa e o risco que corre o centro de perder un bacharelato artístico que costou anos conseguir para A Estrada. Apunta que na súa opinión persoal «o anteproxecto de lei é unha barbaridade, e se non se varía podemos perder un bacharelato que só formou a unha promoción», xa que lembrou que o traballo que se fai no taller creativo é voluntario e no tempo de lecer.

Pedigree foi grabado coa técnica de stop motion, que fixo necesarias unhas 12.000 fotografías para os vinte minutos de duración da curta. Monecos que combinaban esqueletes de aramio e espuma con corpos de plastilinas para dar vida a unha historia de amor aos animais, inspirada en Nika, unha cadela mestiza rescatada do refuxio municipal de Cambados. A película fora estreada o 22 de xuño no teatro Principal da Estrada.