As brigadas de vixianza contra o lume voltan ao monte agolense

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

A proliferación de incendios forestais obriga á Asociación Naturviva a adiantar as tarefas de control de lumes

14 mar 2012 . Actualizado a las 15:43 h.

Non é habitualmente ata o mes de xuño cando comezan a funcionar as brigadas de vixianza do monte de Agolada por parte da Asociación Ecoloxista Naturviva. Nesta ocasión, por primeira vez, a tarefa anticípase por mor dos numerosos incendios forestais que se rexistraron nos últimos días. «A previsión é comezar a vixiar a partires deste fin de semán. Faltan os rapaces de fóra que só veñen a Agolada nas vacacións pero iniciaremos os traballos sin eles», sentencia o presidente da entidade Juan José López.

Catorce voluntarios adicarán as últimas horas da tarde e da noite a tentar evitar por todos os medios que continúen as lapas queimando todo aquelo que se atopa no seu camiño. As parroquias de Berredo, Borraxeiros e Artoño leváronse o verán pasado a peor parte. «Foi onde máis ardeu. Agora parece que os incendiarios se están cebando máis con Órrea, Ventosa e Vilariño. Ao mellor é que nos outros sitios xa non hai nada que queimar», explica un indignado presidente de Naturviva que apela ao civismo e a que «remate esta sangría do monte. Unha vez máis digo e repito que os incendios son intencionados e coa seca que temos arde todo nun só instante».

Un dos lumes forestais destes últimos días detectado en Órrea arrasou, segundo López, cunha gran plantación de eucalipto e pino polo que se baralla que as perdas son moi cuantiosas. «E non penso que sexan os madeireiros os culpables como decían algúns. A madeira queimada ten un prezo moi inferior á que está en óptimas condicóns. Os incendios forestais son obra de persoas que só están desexosas de facer mal, nada máis».

A brigada de vixianza dos incendios de Naturviva voltará ao monte cos mesmos materiais cos do ano pasado. «Batelumes, chalecos e emisoras. Os coches, os nosos. A gasolina, pola nosa conta. En principio, parece que non haberá unha entrega de material por parte da Xunta xa que, con esta crise, non hai axudas. A verdade é que non temos esperanzas de recibir nada novo, pero imos traballar co que temos». Malia que o operativo non estaba en funcionamento acudiron ao incendio de Órrea. «Só había unha cuadrilla de dúas persoas e un forestal para unha amplazona. Nós eramos catro e axudamos no que puidemos para evitar que pasarán as lapas para o outro lado. Conseguímolo».