«Se o 90% non vota BNG, será que nalgo nos equivocamos»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Confía en estender o nacionalismo e cre que desde o Bloque non é posible

08 mar 2012 . Actualizado a las 19:23 h.

Leva dous tercios da súa vida no nacionalismo activo. Foi concelleiro do BNG da Estrada durante unha década, portavoz do grupo municipal, delegado de Medio Rural na época do bipartito da Xunta e secretario de Relacións exteriores e emigración da executiva nacional do BNG ata a congreso de xaneiro. Agora é un dos críticos que cre necesario refundar o nacionalismo. É membro do Consello político nacional de Máis Galiza, unha corrente interna a piques de converterse en partido con dous sectores en liza: un a favor de quedar no BNG e outro partidario de fletar un barco propio.

-¿Por que rompe o BNG?

-É unha fronte de partidos e colectivos cuns principios comúns que comparten todos. Cando se impulsou o BNG íbamos defender o que nos unía e esquecer as diferencias. Funcionou un tempo, pero desde o 2009 a parte ligada á UPG decidiu unilateralmente cambiar de rumbo e ir cara a extrema esquerda, dirixirse máis cara o que chaman «proletariado» e actuar de común acordo coa CIG. Se unha metade impón o que pensa hai moitas friccións e non é posible traballar nun espazo común.

-¿Non convence o novo rumbo?

-O descenso de apoios nas europeas, as municipais e as xerais está aí. Os resultados caeron en picado elección tras elección. Temos que asumir todos tanto as victorias coma as derrotas. Os galegos non votan o que votan porque estén equivocados. A xente non quere prédicas, non quere que lle digas que ten que facer ou que está equivocada. Se en Galicia o 90% do electorado opta por outras opcións políticas, os que nos equivocamos seremos nós. Con ise discurso non imos a medrar.

-¿En que se diferencia o discurso de Máis Galiza?

-Hai unha necesidade imperiosa de achegarse ós cidadáns e ver que demandan. Queremos anchear o campo do nacionalismo. A inmensa maioría dos galegos ten un sentimento galeguista. Temos que convertelo en expresión política; escoitar á xente e aprender dela, do que pide... Nós buscamos un nacionalismo aberto, integrador, dirixido a toda a sociedade e non só a un sector. Que teña iniciativa política propia e que non vaia sempre cunha pancarta na man detrás da CIG, porque senón a xente o que visualiza é que non valemos para gobernar, so para facer contestación na rúa.

-É partidario de crear un partido á marxe do BNG ¿non ve opción de cambio interno?

-Nos tres últimos anos non se puido chegar a un punto de encontro no enfoque e no discurso político. Hai boas palabras, pero non hai xestos. As bases esixían ter voz e pedían audacia e valentía para ensanchar o campo no nacionalismo. Por iso optamos por isto, pero non é un proxecto contra o BNG. Eu síntome orgulloso de ter compartido militancia e agradecido de que depositaran en min a confianza para representar ó BNG. Asumo tamén como propios os erros que se cometeron. Nós non queremos dividir, senón sumar e multiplicar, achegar o nacionalismo a outros sectores porque tal como está non pode medrar.

-¿Non beneficiará ós partidos maioritarios a fragmentación?

-Pode ser que no primeiro momento sexa así, pero a medio-longo prazo confiamos en que non. Se deixamos o BNG, ó día seguinte estaremos abertos ó diálogo con todas as formacións nacionalistas e, por exemplo, nas próximas eleccións, non descartamos unha plataforma electoral conxunta. O que non podemos é suscribir o proxecto actual, cun doble descurso que á xente lle fai desconfiar: preséntanse ás europeas pero din que Europa é maligna en sí mesma por ser unha terminal do imperialismo americano...

-¿Como están os equilibrios de forzas na zona?

-Onde máis peso temos é en Cuntis e na Estrada, que reúne á metade dos adherentes da corrente.

-¿As rupturas xeneran mal ambiente a nivel comarcal?

-Somos comomo unha familia na que sempre hai palabras máis altas ca outras, pero o ambiente é de compañeirismo. Nos consellos comarcal e local convidousenos a formar parte, pero preferimos non facelo por non compartir ese proxecto. Para estar facendo oposición interna, é máis honesto que colla as rendas xente que crea no proxecto ó 100%.