«A poesía ten o encanto máxico de xogar coas esencias»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

Pintor presenta hoxe en Lalín «Seara», onde compilou os seus poemas

24 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Vázquez Pintor naceu en Melide pero onte elexiu Quián, o lugar máxico «onde aprendín e me nutrín na vida, porque nas vilas había e hai de todo e na aldea hai de todo e máis alá». E alí, onde naceron os seus afectos primeiros, os seus xogos, onde transcurriu a súa nenez e a súa pubertade quixo o poeta e o escritor presentar o seu novo libro, Seara, que recolle toda a súa obra poética.

-¿Como naceu «Seara»?

-Espiral Maior editara xa outros meus libros de poesía: Vanzados e Rotación violeta. Vanzados é o libro de Quián. Vinme a beira dunha enfermidade que que me podía traer ás despedidas, e quería falar de este lugar. Hai un ano Espiral Maior publicoume un libro de narrativa que se titula Máis vidas e que está baseado en Quián e que quedará para meus netos e onde falaba das etapas da vida, dos animais que nos servían de xogo, dos saltóns que collíamos e os que lle cravabamos unha palla para facer helicópteros, as carreiras de moscas as que lle quitábamos as alas para facer carreiras. Arrepentido daquela infancia inconsciente, desa crueldade escribín Máis vidas para pedirlles unha amnistía para conmigo por aquel comportamento. Miguel Anxo Fernán-Vello, o editor de Espiral Maior, me dixo que si lle daba os meus oito libros que levaba publicados de poesía, os editaban nun volumen. En Seara están eses oito e dous máis inéditos. Son 330 páxinas de poesía, un xénero que apenas se lee, pero que estará na memoria.

-O libro é a obra de toda unha vida e presentase hoxe en Lalín.

-A obra poética ten un encanto máxico, querer as esencias, xogar coas metáforas. Estou moi agradecido a Espiral Maior pola súa xenerosidade de darme este libro que son os dez que fun artellando dende o 1971 o 2011. O 24 de febreiro celebramos os 175 anos de Rosalía de Castro se estivese viva e iniciarei hoxe a miña presentación de Seara ás 20.30 horas no Museo de Lalín con un poema a Rosalía de Castro.

-¿Cales son os libros inéditos que inclue «Seara»?

-Son Anuncian aves e Os Versos do Zapateiro. Co primeiro, coma sempre me meto onde non me chaman e en 1991 para a inauguración da Casa da Cultura de Agolada pedirame o alcalde algo novedoso. Sabía de Laxeiro, de Paco Lareo, falei con eles, con Armindo Salgueiro, e ocurriuseme facer a primeira mostra do rural de Galicia en agradecemento aos pintores do Deza. Estaba Willy. Eles deixaronme as obras, había que organizar a exposición, eu non sabía deso e eles prestaronse. Impresionado pola forza dos cadros, _estaba Laxeiro, Colmeiro, Torres que xa non están e os que aínda están agora_ pedín que me deixaran quedar toda a noite cos gardas xurados e fun recorrendo cada cadro, falando con eles e adicándolle un poema a cada un. Logo recorrín exposicións de Vigo, A Coruña e fixen o mesmo. Fun acumulando ata 74. O outro son Os versos do zapateiro, que recollen algúns feitos por encarga os que lle fun adicando a moita xente, o derradeiro a Manuel Ferreiro Panadeiro.

Unha obra única que recolle a as emocións dunha vida enteira en 330 páxinas

Seara é a laboura de toda unha vida, nela están os xogos na aldea, as apertas, os días de festa, os partidos de fútbol entre os castiñeiros, o entorno máxico dos animais, os descobrementos continuos da vida. Unha obra única porque son as testemuñas e as emocións de Xosé Vázquez Pintor, 330 páxinas onde habita a súa alma.

A presentación, limar desa outra presentación ao público, foi onte no corazón dos seus afectos, en Quián. Pero antes de chegar alí, Vázquez Pintor quixo brindarnos un percorrido máxico pola área recreativa, a visita ao Arnego, á Sobreira e a ponte de Primo, o seu piar coroado dende fai unhos anos por un ligón convertido en peza escultórica e que as crecidas dos derradeiros anos enredaron de ramas. O castro de ribeira de A Devesa, a vista de Quián e o Sobreiral do Arnego dende as alturas, a xenerosidade a a palabra de Pintor que fixo de guía desa terra máxica do Medio que non poidemos descubrir con mellor anfitrión.

Pero a vida segue e a obra poética de Vázquez Pintor non acabará na candencia de Seara, sinon que continuará sempre. Pintor non sabía onte con que libro quedar porque «todos son fillos», pero recordaba Gándaras como quen recorda o primeiro amor. O seu primero libro e o único con limiar, de Manuel Varela Buxán, neste caso.

Onte Vázquez Pintor confesaba que «en Seara está o que sempre quixen ser: poeta». Unha poesía que está tamén no seu agarimo, nas súas apertas de buxo e na súa sensibilidade incombustible.