Balbino tamén celebra os 50+1

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

Neira Vilas lle adicou a homenaxe de Cruces a Anisia e a Díaz Pardo

22 ene 2012 . Actualizado a las 07:02 h.

Xosé Neira Vilas volveu onte a subir ao escenario do Auditorio de Vila de Cruces para recibir unha homenaxe. Fíxoo algo abrumado pero por tantos recoñecementos que vai sumando no nome do querido Balbino e quixo dedicar a homenaxe a «Anisia Miranda, que durante 17 anos estivo traballando por Galicia e repousa para sempre no cemiterio de Gres» e a «Isaac García Pardo, un dos grandes, amigo dende hai 50 anos e que nos deixou hai quince días». Neira dixo que non sabe si merece tanto lembrando que fai nada remataban en Lalín unha morea de actos do 50 aniversario e agora vai Cruces e celebra o 51.

Na súa intervención quixo deixar constancia da súa opinión de que «son un home de sorte» e de que os mellores agasallos son «os que un recibe no propio eido». Pero a Neira Vilas o que máis ilusión lle fai é que se celebre a publicación dun libro que viu a luz hai 51 anos e que se converteu nun fenómeno sociolóxico do que se venderon 700.000 exemplares en distintos idiomas, incluído o xaponés, e que se escenificou xa ata en lingua maia. Un libro que fixo que Balbino sexa para sempre un fillo da literatura universal.

Monseñor Quinteiro Fiúza, fillo destas mesmas terras, e bispo de Tui e Vigo, fixo unha das intervención máis sentidas. Quinteiro Fiúza recordou cando descubriu aos trece anos do seminario «Memorias dun neno labrego», que leu ás agachadas, que lle ensinou a apreciar o que era e lle deu moitas forzas para a vida. Víctor Freixanes, presidente editor de Galaxia, contou o reencontro que Neira está tendo con estas conmemoracións cos lectores e afirmou que o mesmo que «O Missisipi existe por Mark Twain, O Deza e todas estas terras existen porque existe Neira Vilas».

O escritor estivo acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, os alcaldes de Cruces, Lalín, Agolada, Rodeiro, Touro, directivos da Fundación Neira Vilas, A Solaina de Piloño, amigos e escritores como Ramón Caride e os veciños de Cruces. O alcalde, Jesús Otero, fixo entrega a Neira Vilas duns zocos en recordo da súa nenez e a de Balbino. Feijoo eloxiou a obra de Neira porque nela se reflicte a memoria da nosa terra e « permite apreciar o inmenso esforzo dun país por erguerse». Un libro que «é un manual para entender Galicia e para querela» porque «ninguén saberá o que fomos e onde vimos sen visitar a obra de Neira Vilas» e asegurando que cría que «para ser presidente da Xunta hai que ser de aldea ou polo menos ler Memorias dun neno labrego».

«Memorias dun neno labrego é un manual para entender Galicia é querela»

Alberto Núñez Feijoo