«A mellor defensa dunha lingua sempre é o seu uso»

Amelia Ferreiroa LALÍN |

DEZA

«En castellano no hay problema» é a obra de Carlos Callón que presentará en Lalín o vindeiro día 18

09 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística está mergullado na presentación do seu último traballo pola comunidade adiante. A Lalín (Museo Municipal Aller Ulloa, 20.30 horas) chegará o próximo 18 de xuño.

-Non deixa de sorprender o título deste libro en castelán sendo o autor un gran defensor da lingua galega...

-É un título retranqueiro. É unha obra de reflexión que recolle textos que van dende a penúltima lexislatura de Manuel Fraga Iribarne ata hoxe. É unha obra na que se deixa constancia de que había máis cinema en galego no ano 1987 que hoxendía. Certo é que daquela o cinema non abundaba pero na actualidade, ¿que queda? Nada. É un libro no que abordo o decretazo imposto pola Xunta pero non entro, claro está, na aprobación desta semana.

-Cinema, decretazo do galego, ¿que outras cuestións puntuais analiza na obra?

-É unha antoloxía de textos no que se tratan evidentemente todos os temas que foron ou son de máxima actualidade como é o plan de normalización lingüística, a política seguido polo goberno bipartito da Xunta de Galicia que tivo os seus acertos pero tamén os seus erros. E, de maneira especial, fago unha reflexión sobre o comezo desta lexislatura de Alberto Núñez Feijoo que ven marcada por un ataque brutal á lingua galega.

-Pese a todas as enquisas que se lles fixeron aos pais e aos profesores...

-A situación que se está dando en Galiza é inédita. Non se está dando en ninghuna parte de España. Un decreto é unha prohibición. Só aquí, en Galiza, se prohibe impartir materias en lingua galega como é o caso das matemáticas, por exemplo. Iso non sucede por España adiante. A situación é totalmente diferente ao que sucede en Galiza: apóiase a lingua. A mellor defensa dunha lingua sempre é o seu uso e eu convido á cidadanía a loitar pola defensa do noso, que é o galego que non podemos nin debemos deixar morrer.

-¿«En castellano no hay problema» podería ter unha segunda parte?

-Podería. É un libro aberto no que quedan preguntas no aire como, ¿que vai acontecer no vindeiro curso académico co galego nos centros de ensino? Unha vez saibamos e coñezamos o desenvolvemento do decreto poderemos introducir máis reflexións e máis textos... Xa veremos.

-Carlos Callón está agora mesmo coa presentación do libro por Galiza, ¿cal é a resposta que está atopando?

-Certo que estou cunha axenda frenética de presentacións deste libro, editado por Xerais, que me deixa bastante quilometraxe no coche. Presentacións en Cambados, Corcubión, teño que estar na Coruña, en Soutomaior, Lalín... Teño que salientar a importante participación que está habendo na liña de resposta cidadá a nosa lingua. A xente amosa interese, existe preocupación polo galego e iso móvenos a continuar loitando polo nosa lingua.