«Os pais deberían de auditar o que fan os fillos por Internet»

Amelia Ferreiroa

DEZA

A Anpa do IES Aller Ulloa de Lalín organiza para o día 24 unha charla sobre delitos telemáticos e os perigos da Rede

21 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os delitos telemáticos están en auxe, desafortunadamente. Os pais conscientes dos perigos que poden entrañar ás redes sociais recibirán completa información sobre esta cuestión o mércores, día 24, nunha charla que ofrecerá o cabo primeiro da Policía Xudicial de Lalín, Felipe López Suárez. Comezará ás 15.30 horas no IES Aller Ulloa e irá dirixida a pais e alumnos.

-¿Somos realmente conscientes dos perigos?

-Moitas veces non sabemos nada ao respecto. Debemos de ter en conta que os rapaces naceron na era tecnolóxica pero os pais non. Os rapaces van varios pasos por diante no eido informático respecto dos seus pais, na maioría dos casos e ninguén está suficientemente preparado para os delitos telemáticos que se están dando na actualidade.

-¿Cales son os principais perigos cos que nos atopamos ao navegar pola Rede?

-O abano é moi amplo. Dende o phishing pasando pola pornografía infantil ou pola suplantación de identidade. O que está claro é que calquera pirata informático ou hacker se vai valer da inocencia dun cativo para cometer un determinado delito. Os rapaces, coa súa inocencia, aportaranlle todos os datos que eles lles vaian pedindo sin sospeitar do que pode significar nun futuro a aportación de tal cantidade de datos persoais.

-¿Cal é a recomendación básica para calquer rapaz que use Internet?

-O primeiro é que sempre actúe con cautela. É moi importante que nunca aporten datos persoais, non especificar enderezos ou números de teléfonos e tampouco colgar fotografías. Os pederastas sempre están vixiantes e aí teñen moita información coa que traballar. Logo poden chegar os insultos, as ameazas e os chantaxes aos pais ao dispór o pirata dos datos completos dos seus fillos, que eles mesmos lle proporcionaron. Os pais deberían de auditar o que fan os fillos por Internet. O ordenador debería de estar nunha zona común: comedor ou salón, pero non na habitación do rapaz xa que non sabemos o que fai e ata que hora está conectado. É preciso racionalizar os tempos de navegación.

-¿Cal é o delito telemático máis frecuente?

-As estafas bancarias son as que teñen máis auxe. Recuperar o diñeiro é moi complicado pero dar coas «mulas», os pequenos intermediarios, é posible. De feito, aquí en Lalín, demos con eles.

-¿As redes sociais son boas ou malas?

-O malo é que a xente se inhibe e conta toda a súa vida. Os datos quedan no servidor e os piratas poden actuar as súas anchas. Temos que ter unha educación básica de protección.