«Os primeiros Encontros de Xenerais escritos son de 1876»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O autor do libro «O Entroido do Ulla» explicou onte a participación dos Xenerais polas parroquias estradenses

12 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Olimpio Arca Caldas levaba anos recompilando datos sobre o Antroido en A Estrada. Froito dese traballo de investigación vería a luz o libro «O Entroido no Ulla», publicado pola Deputación de Pontevedra. Onte o mestre estradense debullou, no Museo de Pontevedra, dende a orixe do Antroido ata o futuro que lle agarda aos Xenerais, aos Correos e á Parranda.

-¿En que momento comezou a recompilar datos sobre o Antroido?

-Cando estaba na escola intentei que os nenos coñecesen o seu entorno: os hórreos, os cruceiros e tamén o Entroido. Sobre a orixe do mesmo existen dúas opinións: a primeira correnta fala dunha reminiscencia da Guerra da Independencia e outros opinan que máis ben son das Guerras Carlistas. O que sí sabemos con seguridade é que cada parroquias tiña o seu Entroido. Defendíase a parroquia dun xeito que non se fai agora. Mira, daquela, un veciño de Arnois, Guimarei ou de Callobre -por exemplo- non decía que era de A Estrada. Era veciño de Callobre, de Arnois ou de Guimarei. Hoxe todo está globalizado.

-¿De cando datan os primeiros escritos sobre o Antroido do Ulla?

-Os primeiros Encontros de Xenerais escritos son de 1876, de Alfredo Vicenti, porén sábese que xa se viñan celebrando con anterioridade a ese ano, porque estando na parroquia de Oca presenciou un Encontro e -ao interesarse polo mesmo e polo desenrolo da actividade- os asistentes lle explicaron que a tradición xa viña de anos atrás.

-¿Cantos Xenerais participaban nos Encontros?

-Existen variacións pero o mínimo eran dous Correos e seis Xenerais a cabalo. Logo estaba a denominada Parranda formada por músicos e coros que ían pasando e recitando. Non nos podemos esquencer dos Vivas que tiñan a finalidade de recoller cartos -en todas as casas polas que pasaban- antes da chegada ao campo. Nos atranques entre Xenerais os temas que se trataban eran sempre guerreiros.

-Os máis novos continúan coa tradición pero, ¿que bota de menos?

-A verdade é que sí. Penso que é porque o levan no sangue. Coñecían de sus pais, tíos e avós as vivencias do Entroido e non están dispostos a que morra. O que sí se nota agora é un maior desarraigo. Xa case ninguén é de Couso ou de Curantes. Todo o mundo é de A Estrada. Boto de menos a seriedade nos encontros e nos versos. Agora son máis chocantes.

-Amosou fotos dos Encontros, ¿cal é a máis antiga?

-Unhas máscaras de Toedo do ano 34, de Fermín Bouza Brey.