«Gardo moi boas lembranzas de Lalín onde presentei galas»

Amelia Ferreiroa

DEZA

Foi nomeada comendadora o ano pasado e voltará a Lalín este domingo para loar as excelencias do cocido

04 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

María Castro conta cunha ampla experiencia televisiva. Moitos lembrarán o seu papel de Pauliña en Pratos Combinados aínda que o éxito máis recente é pola súa interpretación de Jessi, na serie Sin tetas no hay paraíso. Actualmente atópase centrada -en boa medida- no teatro e preparando o pregón da Feira do Cocido de Lalín.

-¿Como está sendo a experiencia do teatro, da obra La ratonera de Ágatha Christie, no Reina Victoria de Madrid?

-Moi gratificante. Teño funcións todos os días menos os luns e os martes polo que o domingo non poderei estar moito tempo en Lalín ao contar con dúas funcións. Chegarei pola mañán para o pregón, para ollar ese magnífico desfile e volta para Madrid.

-¿Non haberá tempo para degustar o cocido?

-Síntoo ben pero non será posible. Comerei o cocido na casa de miña nai e axiña non me quedará outra que subir ao avión...

-Presentou galas, é comendadora e agora pregoeira, moito vencellamento coa capital dezá...

-A verdade é que sempre que estiven aí me tratastes moi ben. Gardo moi boas lembranzas de Lalín onde presentei dúas ou tres galas que foron moi divertidas e nas que había artistas moi coñecidos. Son comendadora dende o ano pasado e agora pregoeira.

-¿María Castro é na actualidade unha das actrices que está máis en voga?

-Levo nove anos adicada a isto. Fixen series, dobraxe, publicidade e mesmo desfilei pero o persoaxe de Jessica, en Sin tetas no hay paraíso, foi o que máis me deu a coñecer en Galicia e en España. Digo que é un ano de recollida despois de moito traballo ao haber recibido un Premio Ondas á mellor interpretación feminina de reparto, presentei as badaladas e agora estou nomeada aos Fotogramas de Prata.

-Jessi pese a todo posúe corazón...

-Jessi é unha persoa moi extrema pero real. Pese a que ten ese lado perverso é querida. Iso é o que me demostra a xente na rúa. Jessi tivo unha vida moi complexa e nada ten que ver coa miña, que foi de algodóns e rosa. A súa foi moi difícil pero namorouse do Duque, foi un sentimento moi forte, e fixo toleadas como podemos facer nós na mesma circunstancia.

-Faleceu o Duque, Cata pero, ¿continuará Jessi?

-Pese á morte do Duque o éxito da serie foi increíble. Estáse escribindo a cuarta tempada e Jessi seguirá na serie.

-Tempo para colaborar con causas benéficas..

-O tempo que me queda é para a solidariedade. Penso que é o mínimo que podemos facer.